Medio Rural

O BNG propón investir máis en política preventiva contra os incendios forestais

O BNG acusa a Medio Rural de ocultar ao Parlamento información sobre medidas de prevención contra os incendios e “desidia” para rexenerar zonas singulares afectadas.

Óscar Gómez

Ourense | 15.06.2023 08:01

O BNG propón investir máis en política preventiva contra os incendios forestais
O BNG propón investir máis en política preventiva contra os incendios forestais | onda cero

A deputada do BNG, María Albert interpelou ao conselleiro de Medio Rural sobre as previsións da Xunta en materia de prevención de incendios para que non se repita a situación do “terrible verán do 2022” que prexudicou gravemente o interior de Galiza. Un interior, dixo, que o goberno do PP na Xunta mantén, “incomunicado, avellentado, despoboado e marxinado”.

A nacionalista reprochou á Consellería de Medio Ambiente a súa falta de respecto co Parlamento por negar a información requirido polo grupo parlamentario do BNG sobre medidas de prevención contra os lumes e a súa “desidia” á hora de rexenerar as zonas afectadas.

Na súa intervención lembrou que no ano 2022 arderon Espazos naturais, reservas da biosfera e xeoparques, “pulmóns do noso país” en Os Ancares – Courel, e os parques naturais de Serra da Enciña da Lastra, O Invernadoiro e Baixa Limia - Xurés

Dende o BNG interpelan ao conselleiro Medio Rural porque é importante que este Parlamento dispoña de información detallada en relación a que medidas de prevención específicas estaban en vigor nestes e outros espazos de especial relevancia natural e sobre o desleixo da Xunta para velar pola súa protección, recuperación e rexeneración, así como o control das das consecuencias negativas provocadas polo lume.

Ambas cuestións, reiterou a nacionalista, están de actualidade porque constatamos “a incapacidade dos instrumentos de ordenación e xestión en vigor para protexer eses espazos”. Instrumentos de ordenación e xestión (PORN e PRUX), insuficientes e mal dotados economicamente.

Medio Rural “incendia o debate” na campaña electoral das municipais

A parlamentaria do BNG lembrou que o pasado 17 de maio, en plena precampaña das eleccións municipais, o titular de Medio Rural, José González permitiuse o luxo de incendiar o debate nun acto en Sandiás acompañado por outros cargos públicos como o vicepresidente da Deputación de Ourense. Vostede, explicou Albert, responsabilizou á Unión Europea e as súas ferramentas de protección medioambiental, como a Directiva Hábitat e a Rede Natura 2000, “dos incendios do ano 2022 e o abandono do monte” ao que sumou a poboación por fauna salvaxe.

A deputada indicou que o ano pasado, o 70% das hectáreas afectadas polo lume estaba en Rede Natura, rede ecolóxica europea de áreas de conservación da biodiversidade deseñada dende hai máis de 25 anos e que obriga á Xunta de Galiza a velar pola súa protección”.

Por outra banda, explicou que Galiza é a comunidade de todo o Estado con menos proporción de superficie incluída en Rede Natura (menos do 12%); case a metade que o resto de comunidades e case catro veces menos que lugares como Canarias (42%) y Madrid (40%). Este feito fixo que a Comisión Europea advertise con abrirnos expediente por incumprimento das leis da Unión. E a pesar desta circunstancia, o PP permítese eliminar “unha brigada de limpeza no Xurés” e votar 2 veces en menos de 6 meses neste Parlamento en contra da súa restitución.

Preocúpanos imaxinar que medidas considera necesarias a Consellería do Medio Rural para evitar que os espazos protexidos por Rede Natura 2000 sexan, segundo as súas propias palabras , “causantes de incendios forestais”. Sería mellor eliminalas? preguntou ironicamente a deputada ou máis ben é un argumento para unha solución ao modo de Bush, que estimaba que “a mellor solución para que os montes non arderan era talar todas as árbores”.