Economía

Autónomos e empresas recibirán o 100% das axudas do terceiro plan de rescate

O Goberno galego quere priorizar a autónomos e microempresas, que supoñen o 97% do tecido produtivo galego, así como incluír a todos os sectores produtivos afectados pola crise

Óscar Gómez

Ourense | 07.05.2021 08:15

Autónomos e empresas recibirán o 100% das axudas do terceiro plan de rescate
Autónomos e empresas recibirán o 100% das axudas do terceiro plan de rescate | onda cero

Lorenzana anunciou aos interlocutores sociais e empresariais a dobre intención do Goberno galego de reservar cartos para que as axudas cheguen aos negocios mais afectados pola pandemia, e que os importes vaian en consonancia coa perda de facturación e o número de persoas empregadas, como se fixo nos dous plans de rescate anteriores desenvolvidos pola Xunta.

Tal e como lembrou a titular de Emprego, o 97% do tecido empresarial galego está conformado por traballadores autónomos e microempresas. “Imos tentar modular o importe das axudas para que chegue ao maior número posible e non queden prexudicados no reparto os negocios mais pequenos”, especificou Lorenzana.

“Queremos reservar crédito para os autónomos, microempresas e negocios con ata 25 traballadores,”, especificou a conselleira. Na mesma liña indicou que se traballará “para poder axustar as axudas con máis cartos canta maior perda de facturación teñan rexistrado os negocios e canto maior sexa o número de persoas traballadoras contratadas”.

Unha vez máis a conselleira recalcou que os 234 millóns concedidos a Galicia son escasos. Trátase do 4% dos 5.000 millóns que o Goberno central reparte “con criterios dubidosos” entre as comunidades peninsulares, indicou, cando “nos fondos de emprego vimos recibindo un 8%”.

O 3º plan de rescate galego ampliará as axudas a todos os sectores de actividade económica que teñan sido afectados pola crise, facendo uso da flexibilidade que o Estado deixou finalmente ás Comunidades Autónomas tras limitar os pagos a sectores concretos.

Anticipos das axudas

María Jesús Lorenzana, por outra banda, adiantou hoxe que para axilizar a inxección de liquidez ao empresariado galego, a Xunta adiantará o 100% da axuda mediante a presentación dunha declaración responsable por parte dos solicitantes, tal e como xa se fixo nos dous plans de rescate realizados ata agora con fondo autonómicos.

“Estamos nun momento de extraordinaria dificultade e temos que seguir rescatando os sectores coa vista posta na saída da crise, tentando manter todos os negocios posibles para preservar o emprego”, concluíu.

A conselleira, por último, remarcou o carácter “consensuado” que ao igual que os anteriores plans terá este 3º rescate. “Non queremos un 3º plan de rescate deseñado unilateralmente, son os axentes sociais e económicos quen coñecen os sectores e os que nos trasladan criterios que funcionan”, aseverou.