Eleccions Xerais

Ana Pontón fai un chamamento para apoderar Galiza o próximo 23X

Noa Presas, cabeza de lista do BNG ao Congreso por Ourense, cualificou este momento de “histórico” para que a provincia teña voz no Estado.

Óscar Gómez

Ourense | 22.06.2023 08:12

Ana Pontón fai un chamamento para apoderar Galiza o próximo 23X
Ana Pontón fai un chamamento para apoderar Galiza o próximo 23X | onda cero

A portavoz nacional, Ana Pontón, asistiu á presentación das candidaturas do BNG para o Congreso dos Deputados e o Senado pola provincia de Ourense. “Este 23 de xullo está en xogo que Ourense e que Galiza conten ante o Estado, está en xogo ter unha voz propia que defenda os intereses desta provincia, e está en xogo que se poña sobre a mesa o que precisa Ourense para ter un futuro mellor” declarou a líder nacionalista.

Para conseguilo, Pontón pediulle á cidadanía “que apoderen Galiza ante o Estado” tendo en conta que “o BNG é a garantía para que Galiza conte, de avanzar en dereitos e liberdades e de poñerlle freo á dereita conservadora que só nos faría retroceder”.

“Fronte a un PP e un PSOE, que fan o que lles mandan Génova e Ferraz, o BNG vai poñer Galiza na axenda do Estado coa forza que nos dean os galegos e as galegas”, subliñou. Por iso, indicou a necesidade de “contar cun grupo galego forte no Congreso para poder ser determinantes e ter a capacidade de loitar polos nosos intereses”.

Como exemplo desta inacción, Pontón puxo sobre a mesa as infraestruturas galegas, facendo alusión a que “mentres que a transferencia da AP-9 se aprobou no Parlamento galego por unanimidade, dende Madrid entre uns e outros deixaron que a proposta morrese por inanición”.

A portavoz nacional recalcou que “na última lexislatura, un só deputado do BNG foi máis útil para Galiza que os 23 restantes ao servizo das forzas estatais”, motivo polo que “o Bloque presenta para este 23X unha candidatura de país, que non ten os seus centros de decisión en Madrid e que representa a Galiza”. Pontón manifestou que se trata “dunha candidatura formada por persoas con compromiso, con capacidade de traballo, con experiencia, con coñecemento e solvencia nos temas que son centrais para a defensa dos intereses galegos”.

Noa Presas, cabeza de lista ao Congreso por Ourense

En Ourense é Noa Presas quen encabeza a lista do BNG ao Congreso dos Deputados, liderando unha candidatura sólida, comprometida e capaz, con enerxía e cunha única lealdade: a da defensa dos intereses da cidadanía de Ourense. “Noa Presas é ben coñecida polo seu traballo como deputada no Parlamento galego a favor de Ourense, onde é unha referencia indiscutible polo seu rigor, pola súa paixón e polo seu compromiso coa xente de Ourense”, indicou Pontón, que destacou as centos de iniciativas que Presas ten aportado a favor dos sectores produtivos, dos servizos públicos, de investimentos e de actuacións concretas para a provincia en todos os eidos.

“Este é un momento histórico para facer que Ourense conte con representación no Congreso dos Deputados e teña voz en Madrid”, declarou a propia Presas. Como número dous da candidatura sitúase Eugenio Quintas, concelleiro en Verín e médico no Hospital comarcal, que a líder do Bloque cualificou como “un defensor acérrimo da sanidade pública que, ao igual que o resto de compañeiros e compañeiras da lista ao Congreso e ao Senado, vai dar o mellor de si para darlle a Ourense o futuro que merece”.

A candidatura do BNG ao Congreso dos Deputados pola provincia de Ourense complétana Alba Feixó e Artai Gavilanes. Pola súa banda, a dos candidatos ao Senado está formada por Cristina Cid, Xurxo Rodríguez e Xosé Carballido.

O 23X: o momento de facer historia cunha Galiza que conte

Pontón convocou á cidadanía galega a que o 23X acuda ás urnas “coa cabeza e co corazón en Galiza, sumando todo o voto galego, de país, no BNG” para que, en consecuencia “poidamos frear en seco un posible goberno da dereita coa extrema dereita machista, e antigalega”.

Destacou tamén que o Bloque está “preparado” para volver facer historia o 23X, cun BNG á alza que non deixa de sumar apoios. “Saímos a por todas, coas pilas cargadas e co ánimo que nos dá ver que, en cada proceso electoral, o BNG é a forza política referente para a xente que quere unha Galiza mellor”, concluíu, convencida de que “o 23X, o Bloque terá un resultado que se traduza en máis esperanza e ilusión para os galegos e as galegas”.