Eleccións 23 Xullo

Ana Pontón convencida de que Noa Presas será deputada por Ourense

Noa Presas comprométese a ser a voz de Ourense no Congreso para defender os intereses da provincia fronte a discriminación das forzas estatais.

Óscar Gómez

Ourense | 13.07.2023 07:56

Ana Pontón convencida de que Noa Presas será deputada por Ourense
Ana Pontón convencida de que Noa Presas será deputada por Ourense | onda cero

A portavoz nacional, Ana Pontón, mantivo un encontro con pensionistas en Ourense no que se mostrou convencida de que Noa Presas, cabeza de lista pola provincia, será deputada tras o 23 de xullo co voto da cidadanía que xa lle deu apoio á formación nacionalista tanto nas eleccións galegas de 2020 como nos recentes comicios municipais.

“En Ourense temos un reto moi importante e fago un chamamento para concentrar no BNG todo o voto rebelde, inconformista e de País, porque lle estamos disputando un escano ao PP nesta provincia, e se todas as persoas que nos apoiaron primeiro nas eleccións galegas e despois nas recentes municipais collen a papeleta do Bloque este 23 de xullo teremos a Noa Presas como deputada por Ourense, será un escano máis para o BNG e un menos para PP, clave para que a dereita da man da extrema dereita gobernen no Estado”, alegou.

De feito, Pontón destacou que o Bloque estalle disputando escanos á dereita en todas as provincias, de aí ese chamamento a concentrar o voto na formación nacionalista de todos os galegos e galegas que senten o País e queren frear a involución do PP e dos ultras. “Aquí somos a alternativa real ao PP, porque máis BNG significa menos PP, porque cada escano máis ao Bloque é un escano menos para Feijóo”, asegurou.

Por iso, fixo un chamamento a todas as persoas que votaron BNG nas últimas eleccións galegas e municipais para que repitan o seu apoio, porque con eses votos o Bloque terá un grupo galego forte con deputados por A Coruña, Lugo, Pontevedra e por suposto Ourense, con Noa Presas disposta a facer historia como a voz que defenderá aos cidadáns desta provincia no Congreso.

Declaracións da líder nacionalista nun acto con pensionistas en Ourense, a provincia coas prestacións por xubilación máis baixas do Estado, que aproveitou para comprometer o traballo dun grupo galego forte na defensa deste colectivo e de todas as persoas maiores que, nun contexto de subida de prezos e coa bolsa da compra disparada, vense apuradas para chegar a final de mes.

“O noso obxectivo é mellorar a vida das persoas e garantir que despois de moitos anos de traballo teñan unha vida tranquila”, subliñou Pontón.

“Seguiremos plantando cara ante calquera intento de dar pasos atrás no sistema público de pensións, imos estar sempre en contra de recortar as pensións ou de subir a idade de xubilación”, garantiu, logo de recordar que en Galiza a prestación media sitúase 250 euros por debaixo da estatal.

Xubilarse aos 65

Os deputados e deputadas do Bloque reclamarán no Congreso que a idade de xubilación baixe de novo aos 65 anos e votarán en contra de todas as propostas no sentido contrario, porque “é intolerable que se abra sequera o debate de ampliar até os 70 anos, como está pedindo xa unha parte da patronal”, alegou.

Neste sentido, o compromiso de loitar por mellorar o sistema público de pensión, con medidas como a de incrementar as pensións mínimas até equiparalas ao salario mínimo interprofesional, precisou, deixando claro calquera intento de restar dereitos á clase traballadora terá sempre en fronte ao BNG. “Non imos permitir que as pensións dos galegos e das galega, as segundas máis baixas do Estado, sexan aínda peor no futuro”, recalcou.

A portavoz nacional fixo un chamamento as persoas pensionistas para que enchan as urnas de papeletas do Bloque para frear a un PP “que durante catorce anos conxelou o complemento galego das pensións máis baixas, as non contributivas de apenas 400 euros ao mes, mentres baixaba os impostos ás rendas máis altas”. “O PP cunha man subiu un euro ao mes as pensións máis baixas despois de catorce anos e coa outra da un agasallo fiscal de 34 millóns de euros ás persoas con máis patrimonio na Galiza”, engadiu.