O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participou nos Xardíns Estanislao Reverter, na presentación da restauración do Alpinche creado polo propio Estanislao Reverter, "pai do automobilismo galego e un dos nosos mellores pilotos", que coas súas "mans de alquimista" fabricou o mítico vehículo fusionando un Renault Alpine A110 cun Porsche 911 R da súa propiedade que sufrira un desafortunado accidente en 1970. Lete Lasa destacou a 'Lalao', ademais pola súa entrega e sacrificio que o levaron a crear tamén a Escudería Ourense e o Rally de Ourense, "un dos máis importantes do panorama mundial" que conta xa con 55 anos de historia. O acto tivo lugar xunto a estatua de Ramón Conde que representa ao propio Estanislao Reverter e o ex presidente da Escudería Ourense, Antonio Colemán descansando sobre o Alpinche,
Lete Lasa subliñou o "coidado e a coraxe" cos que Estanislao Reverter fabricou o modelo e subiuse ao Alpinche tras salvalo dun incendio no seu taller, que minguou as súas capacidades físicas. Dende aquel momento, Lalao acadou os maiores éxitos do Alpinche que conseguiu vitorias de prestixio como no Rally Rías Baixas (1972 e 1973), o Rally Rioja Yago (1971), o Criterium Luis de Baviera (1972) ou o Rallye Cidade de Oviedo (1972).
O mandatario galego agradeceu o esforzo da Fundación Estanislao Reverter por restaurar o mítico Alpinche, "unha forma de devolver a toda cultura galega unha porción de todo o que nos entregaron as mans de alquimista de Estanislao Reverter".
Lete Lasa serviuse da novela de Paulo Coelho 'El alquimista' para asegurar que: "só os persistentes, só aqueles que investigan moito son os que consiguen a gran obra. Estanislao Reverter foi un deles e o Alpinche a súa gran obra".