O Concello comprométese cos construtores a reactivar a actividade a través de obra pública
O colectivo trasladoulle ao alcalde, á edil de Urbanismo e ao de Infraestruturas, a necesidade de axilizar licenzas e procedementos
Un compromiso “serio e firme”, esa foi a mensaxe que lles trasladou o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, aos membros da directiva da Asociación de Construtores de Ourense (ACO), co seu presidente, Santiago Ferreiro, á fronte, durante unha reunión que se celebrou está mañá no salón de plenos e na que tamén participaron a concelleira de Urbanismo, Sonia Ogando, e o concelleiro de Infraestruturas, Miguel Caride.
Foi precisamente o concelleiro de Infraestruturas o que lles trasladou aos representantes da asociación de empresarios que recentemente o goberno municipal anunciou un plan de investimentos “moi ambicioso, de 50 millóns de euros”, co obxectivo de reactivar a actividade económica da cidade e sobre todo dun “sector de vital importancia”.
Para o presidente de ACO, Santiago Ferreiro, na reunión “púxose de manifesto a receptividade do alcalde e dos concelleiros” con todas aquelas cuestións que lles foron expostas, así como con outras que xurdiron durante a reunión, relativas á contratación de xente moza e persoas desempregadas de longa duración no sector.
No que coincidiron tanto os membros do goberno municipal como os da executiva da construción, é que a obra pública vai ser determinante para “poder saír dunha situación tan difícil”, xa que o peche “supuxo un duro golpe para o sector da construción”, por iso é polo que esperan poder avanzar nunha actividade que tamén necesita do apoio das administracións en todo o relacionado coas licenzas e os procedementos administrativos.