O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude en Onda Cero Galicia

«Non sei ata que punto facer cooficial o galego no Parlamento europeo valerá para prestixialo socialmente, onde temos o problema»

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, estivo en entrevista en Galicia en la onda.

Ángeles San Luis

Santiago | 23.05.2024 16:37

Entrevista ao conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López, en Galicia en la onda

Nesta entrevista en Onda Cero Galicia, realizada nas horas previas ao comezo da campaña electoral das europeas, o conselleiro José López coida que «a lingua debería saír dese debate político» (en referenza ao debate sobre a declaración do galego como lingua cooficial da UE). A prioridade, segundo explica, está en prestixiar o galego en eidos como a contorna urbana ou mellorar a súa transmisión interxeracional; «ese é o problema» a afrontar, sinala. Critica ao BNG «por buscar debates onde existe unha clara diferenza ideolóxica con outras forzas políticas e creo que é un erro». E engade que «o PP está propoñendo un pacto no que nos escoitemos, falemos, debatamos, única e exclusivamente pensando no prestixio da nosa lingua».

Proceso de escoita

José López coida que «é moi valente» abrir a posibilidade dun pacto, un diálogo, sobre a modificación da Lei e o Plan de Normalización Lingüística. En Onda Cero explica que o proceso de escoita será coas principais institucións académicas (Real Academia Galega, Consello da Cultura Galega, as tres Universidades) e os partidos políticos. Iso si, circunscribe as posibles modificacións «sempre dentro do marco do programa electoral» co que o PP acudiu ás eleccións autonómicas. Sinala que os galegos refrendaron nos últimos comicios de febreiro o modelo lingüístico dos populares. O conselleiro reitera que están abertos a cambios que promovan «recuperar espazos de prestixio social da lingua» como a contorna urbana; mais no eido educativo, insiste en que «non hai debate» en relación á aplicación do Decreto do Plurilingüismo.

Xuventude: facilitar a emancipación

Que os mozos que queiran independizarse poidan facelo é un dos retos que se marca, dentro das competencias en materia de Xuventude. En comparecencia no Parlamento galego, o conselleiro explicou que estaban a traballar nun plan estratéxico e reiterouno de novo nesta entrevista. Un plan transversal que tocará eidos como o acceso á vivenda, a saúde mental ou a formación dos novos.