Colaboración museística

O Museo de Pontevedra entra na Comisión Permanente do Consello Galego de Museos

A directora, Ángeles Tilve Jar, foi elixida como vogal cunha vixencia de catro anos.

Susana Pedreira

Pontevedra | 24.04.2024 13:58

O Museo de Pontevedra entra na Comisión Permanente do Consello Galego de Museos
O Museo de Pontevedra entra na Comisión Permanente do Consello Galego de Museos | Cedida por el Museo de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra acaba de confirmar que o Museo de Pontevedra volve formar parte da Comisión Permanente do Consello Galego de Museos. A directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve Jar, foi elixida na última Asemblea do Consello Galego de Museos celebrada neste mes de abril como vogal da súa Comisión Permanente e acaba de aceptar formalmente a súa designación con vixencia de catro anos. Esta nova trátase dun paso máis no marco da aposta do vicepresidente provincial Rafa Domínguez de avanzar para converter a Pontevedra “nunha grande capital cultural na que o Museo de Pontevedra sexa o seu faro”. Deste xeito Domínguez recordou que o novo equipo directivo do Museo de Pontevedra ten deseñado xa un amplo programa expositivo para o 2024, está a traballar para organizar unha Bienal de Arte no 2025 de “altístima calidade”, está a avanzar na posta en marcha dun proxecto museístico global e na apertura dalgúns dos seus edificios que levan unha década pechados.

O Consello Galego de Museos é unha plataforma estable de coordinación e colaboración entre as institucións museísticas galegas. Xurdiu a partir do primeiro Coloquio de Museos Galegos, en 1981, onde se formulou o propósito de constituír unha plataforma estable para “a coordinación e colaboración entre as institucións museísticas galegas”. En 1983 formalízase a creación do Consello de Museos e en 1990 adquire o estatuto legal mediante a fórmula de asociación de ámbito galego.