Ribeira Sacra

A Xunta porá en marcha no 2019 o Plan Ribeira Sacra

Alberto Núñez Feijóo, avanzou no acto da poio da candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial, a posta en marcha en 2019 do Plan Ribeira Sacra, que permitirá coordinar e xestionar de xeito global os investimentos das distintas administracións nesta área

ondacero.es

Ourense |

Ribeira Sacra, candidata a Patrimonio da Humanidade | onda cero

Durante o evento, Feijóo subliñou ademais que coa declaración como Ben de Interese Cultural, a candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial sobe un novo chanzo. “Un obxectivo que pode darlle moito a esta terra: máis actividade, máis dinamismo, máis turismo e máis valor engadido aos produtos locais, dun xeito especial aos caldos desta rexión vitivinícola”, dixo, subliñando que, deste forma, podería ser a primeira rexión vinícola española e a primeira paisaxe relacionada co viño no país que logra este recoñecemento, sumándose a outras europeas como Burdeos ou Borgoña, por exemplo.

Ao longo da súa intervención, o responsable do Executivo autonómico quixo destacar e recoñecer o labor da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, para lograr xestionar esta declaración como BIC no prazo máis curto posible e co máximo rigor. E recordou que, ademais de non afectar á actividade agraria, o procedemento contou cunha ampla participación social e institucional, celebrándose xuntanzas cos 22 concellos da área xeral de estudo, coas Deputacións de Lugo e Ourense, co Consorcio de Turismo da

Ribeira Sacra, coa Denominación de Orixe da Ribeira Sacra, cos axentes económicos e culturais da zona, e cos responsables do desenvolvemento da figura de protección como Reserva da Biosfera, entre outras.

Así mesmo, subliñou que o consenso e o acordo permitiu que xa se leve un ano aplicando provisionalmente o réxime de protección desta paisaxe cultural con toda normalidade; e co obxectivo de poñer en valor este enclave, caracterizado polo seu excepcional Románico, polo seu patrimonio antropolóxico, pola súa impresionante xeografía física ou polas antigas e ousadas mostras de enxeñaría asociadas ao cultivo das vides.

“Todo isto deu lugar ao recoñecemento dunha extensión duns 180 quilómetros cadrados cun réxime de protección específico, baseado na protección integral das manifestacións relevantes do patrimonio cultural construído; no establecemento das medidas de salvagarda do patrimonio cultural inmaterial; e na conservación e mantemento das características dunha paisaxe construída que queremos conservar, promover, difundir e rendibilizar”, abundou, lembrando que son máis de 1.200 os bens singulares, clasificados en: 70 BICs no territorio dos 22 concellos; 512 bens inmobles catalogados no ámbito da paisaxe cultural da Ribeira Sacra; e 634 bens inmobles catalogados en todo o territorio da Ribeira Sacra de carácter sacro.

Feijóo concluíu aseverando que a declaración de Ben de Interese Cultural supón “o broche perfecto” para pechar o Ano Europeo do Patrimonio Cultural, declarado polo Parlamento Europeo. Non en van, para celebralo, Galicia contou cun programa de máis de 300 actividades, baixo o lema Somos patrimonio, e que tivo como colofón a inclusión da pedra seca galega, o pasado mes de novembro, na lista representativa do patrimonio inmaterial da Unesco, como parte dunha candidatura conxunta de oito países europeos.