Concello Ribadavia

A Xunta estudará colaborar con Concello de Ribadavia para acondicionar a casa consistorial

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou o concello acompañado da delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira

Óscar Gómez

Ourense | 31.12.2019 09:16

Alfonso Rueda visita o Concello de Ribadavia
Alfonso Rueda visita o Concello de Ribadavia | Xunta de Galicia

A Xunta estudará colaborar co concello de Ribadavia para acondicionar a casa consistorial, que precisa dunha serie de actuacións como a reposición da carpintería exterior.

Así o sinalou hoxe o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, tras visitar o concello, onde estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, e o alcalde, Cesar Fernández.

Alfonso Rueda destacou a importancia de manter un diálogo fluído e colaborar cos concellos, en tanto que son a administración máis próxima a cidadanía, e por tanto, a que mellor coñece as súas demandas. Tamén incidiu en que Ribadavia é un exemplo non só de colaboración institucional entre distintas administracións, senón tamén con outras entidades locais para optimizar recursos, como fai a través da mancomunidade.

A Xunta vén colaborando nos últimos co concello, ao que concedeu axudas por valor de preto de 300.000 euros desde 2009, co obxectivo de acondicionar edificios públicos, mellorar rúas ou parques infantís, ou equipar e manter o Grupo de Emerxencia Supramunicipal (GES). Desde a Administración autonómica tamén se recoñeceu en dúas ocasións o labor da mancomunidade de Terras do Avia, da que forma parte Ribadavia.