O pleno extraordinario ao que se levará o proxecto de orzamentos para 2014 do goberno socialista, e que rolda os 104 millóns de euros, xa ten data. Celebrarase o vindeiro martes, 22 de xullo, ás 9.00 horas, adiantou onte o alcalde, Agustín Fernández. A día de hoxe, non está garantida a aprobación do documento económico, ao non contar coa maioría, aínda que o regidor, aplicando aquilo de que "a esperanza é o último que se perde", espera alcanzar acordos cos grupos da oposición.
Así o puxo de manifesto nunha comparecencia celebrada logo da comisión do pleno na que se abordaron as enmendas presentadas pola oposición, neste caso polo Partido Popular e o BNG, algunhas das cales foron aceptadas. A comisión do pleno ditaminou favorablemente o proxecto de orzamentos, cos tres votos dos edís socialistas, mentres que os seis restantes (PP, BNG e DO) optaron pola reserva do voto para o propio pleno.
Pero o alcalde, cun discurso diferente ao empregado na comisión do pleno, manifestou que algunhas das enmendas suscitadas son "técnicamente inaplicables" e, xa que logo, "inejecutables" ao suscitar cambios de partidas sen un destino fixo, cunhas "cantidades genéricas". Co que xustificaba a decisión do grupo de goberno de rexeitalas.
Recalcou que "eliminar tres millóns do capítulo de Persoal para dedicalo a determinados fins, ou falar da hipotética creación dunha comisión de eficiencia energética que vai xerar uns aforros "difíciles de cuantificar", non son enmendas realizables, e que está en total contraposición co que defenderon os grupos da oposición.
Pero Agustín Fernández recoñeceu que noutras enmendas "poderemos chegar a acordos", e sinalou en concreto as de "gasto social", que é unha das esixencias suscitadas polos nacionalistas, os seus antigos socios no goberno bipartito, e que poderían prestar o seu apoio para sacar adiante os orzamentos, aínda que xa manifestaron o seu rexeitamento ao proxecto.
Tamén quixo aclarar, en relación ás propostas que, a través das súas enmendas, fan populares e nacionalistas, que "si todas fosen aprobadas non serían os orzamentos do goberno municipal senón da oposición". DO desmarcouse desde un principio sobre un posible entendemento.
De non conseguir os apoios necesarios -os socialistas gobernan en minoría-, a opción pasa por aprobar o orzamento pola xunta de goberno local, como contempla a nova lexislación, á que volveu aludir o alcalde, aínda que dixo ser partidario dun compromiso coa oposición. Polo momento non houbo ningún tipo de conversación respecto diso.
O pleno dos orzamentos de 2014 fíxase para o martes sen garantía de ser aprobados
Na comisión do pleno aceptáronse enmendas de PP e BNG que deberán ser ratificadas »O alcalde aínda cre posible un acordo coa oposición |
ondacero.es
Ourense | 11.07.2014 09:02