O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e da directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, participou na XVIII edición da Ruta das Covas de Seadur, no concello ourensán de Larouco.
O entorno etnográfico das Covas de Seadur é un claro exemplo da vinculación entre viño e territorio, xa que está composto de 40 adegas tradicionais de gran valor patrimonial onde se proxectan actividades turísticas e gastronómicas, promocionando así unha ampla oferta de turismo enogastronómico da comarca de Valdeorras.
Na mesma liña se sitúa a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia, que ten como obxectivo potenciar tanto a imaxe de marca e identidade como o turismo vinculado aos territorios nos que se produce, ao tempo que se aposta pola consolidación nos diferentes mercados.
Cabe sinalar que o concello de Larouco atópase na zona amparada para a produción de viño con denominación de orixe Valdeorras, que tamén abarca os municipios do Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, Petín, A Rúa, Rubiá e Vilamartín de Valdeorras.
No tocante aos monovarietais tintos, están elaborados con variedade mencía e dotados dunha fermosa cor entre vermello-rubí e picota, con intensidade media que lembran as froitas do bosque como a grosella, framboesa e amora. Os viños brancos están elaborados a partir da variedade godello e posúen cores amarelo-palla con matices verdosos, os seus recendos son francos e intensos lembrando algunha variedade de mazá.