O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, manifestou hoxe en Vigo o seu desexo de que o Executivo central estableza un escenario claro e equitativo entre territorios no reparto dos fondos europeos Next Generation. “Esperamos que o Goberno estableza regras que poidamos poñer en contraste co resto de comunidades autónomas e, polo tanto, competir en igualdade de condicións”, asegurou.
Conde fixo estas manifestacións na xornada Situación da empresa e retos da nova realidade, organizada polo Círculo de Empresarios de Galicia, onde tamén fixo alusión a que a práctica totalidade dos fondos europeos vinculados á industria están sendo centralizados por parte do Goberno cando en materia industrial as competencias son das comunidades autónomas, polo que avogou por unha rectificación por parte do Executivo central e por unha “cogobernanza coas comunidades”.
Nun momento de recuperación económica como é o actual, o vicepresidente económico quixo destacar o feito de que Galicia está respondendo mellor que a media estatal nesta reactivación, tanto en termos de crecemento do PIB, como no peso das exportacións –cun crecemento do 29,4% no primeiro cuadrimestre– e tamén da caída do paro –case sete veces superior á do Estado– e a creación dun 46% máis de empresas no que vai de ano con respecto a 2020.
“É un contexto mellor que o do resto de España pero, ante unha situación de enorme dificultade, temos que seguir apoiando aos sectores máis afectados como son o comercio, turismo, hostalería... E a partir de aí aproveitar as oportunidades dos fondos europeos para impulsar ese proceso de transformación económica”, manifestou Francisco Conde.
Neste sentido, asegurou que a colaboración público-privada resultará clave para conseguir a dobre transición ecolóxica e dixital, afirmando que o tecido empresarial vai ser fundamental para liderar proxectos con cargo aos Next Generation.
Sectores como o da automoción ou o naval xogan un papel fundamental na candidatura galega, que recolle un total de 355 proxectos cun investimento de preto de 20.000M€.
Así, avogou por unha necesaria colaboración entre administracións e axentes económicos e sociais e insistiu en que a Xunta de Galicia sempre terá a man tendida ás pemes para traballar de maneira conxunta na recuperación.