Ourense Provincia

A Xunta oferta 90 estadías de lecer para mulleres que cuiden os seos fillos soas

O obxectivo é facilitarlles un tempo desligado da súa rutina, no que intercambiar experiencias a través da convivencia e reforzar o vínculo materno-filial.

Óscar Gómez

Ourense | 31.05.2021 12:06

A Xunta oferta 90 estadías de lecer para mulleres que cuiden os seos fillos soas
A Xunta oferta 90 estadías de lecer para mulleres que cuiden os seos fillos soas | onda cero

O Diario Oficial de Galicia publica as bases do programa de axudas para estadías de tempo libre dirixido a mulleres soas con responsabilidades familiares non compartidas, con preferencia a vítimas de violencia de xénero e nais con discapacidade.

A Xunta busca con estas axudas que as nais que exercen a maternidade en exclusiva conten cun espazo e un tempo de lecer, desligado da súa situación habitual e no que poidan intercambiar experiencias. Mediante a convivencia cos seus fillos preténdese a maiores reforzar o vínculo materno-filial nun espazo de seguridade e alleo ás rutinas.

O programa sufragará un máximo de 90 prazas para estadías de 7 a 9 días en diferentes destinos turísticos, en réxime de pensión completa, incluíndo os traslados desde os seus lugares de residencia e o acompañamento de monitores de tempo libre con formación en igualdade de xénero e actividades complementarias.

Como requisitos principais, as beneficiarias deberán ter fillas ou fillos e/ou menores en acollida de entre 2 e 12 anos exclusivamente ao seu cargo. Deben acreditar a non convivencia con parella afectiva e ter residencia nalgún dos concellos galegos. A media dos ingresos brutos mensuais da solicitante non pode superar o límite do de 1,5 veces o IPREM vixente nos seis meses anteriores á presentación da solicitude.

O programa outorga maior puntuación ás vítimas de violencia de xénero e ás mulleres con discapacidade. Con esta iniciativa, igual que ocorrera o ano pasado, o Goberno galego busca promocionar destinos turísticos afectados pola pandemia dentro da Comunidade, polo que as estadías terán lugar dentro de Galicia. Na anterior convocatoria de 2020 un total de 64 persoas participaron no programa de lecer da Xunta, 25 mulleres e 31 menores.