Infraestructuras

A Xunta mellora equipamentos públicos no Concello de Vilardevós

A colaboración entre ambas administracións enmárcase no Plan Hurbe, un programa impulsado co obxectivo de apoiar ás administracións locais

Óscar Gómez

Ourense | 08.07.2021 10:01

A Xunta mellora equipamentos públicos no Concello de Vilardevós
A Xunta mellora equipamentos públicos no Concello de Vilardevós | onda cero

A Xunta de Galicia e o Concello de Vilardevós colaborarán economicamente co fin de levar a cabo dúas actuacións urbanísticas que permitirán mellorar os equipamentos públicos a disposición da veciñanza, así como contribuír á humanización do núcleo urbano.

O compromiso foi rubricado esta semana a través da sinatura de dous convenios de colaboración entre a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde, Manuel Cardoso, que suporán un investimento total de case 230.000 euros cofinanciados nun 70% polo departamento autonómico e nun 30% polo Concello.

En concreto, unha das actuacións a executar permitirá acometer unha completa rehabilitación das piscinas municipais de Vilardevós, actualizando e mellorando as actuais dotacións e servizos cos que conta.

Neste sentido e tal e como aparece recollido no convenio, a Consellería achegará algo máis de 88.500 euros repartidos nas anualidades 2021 e 2022 para levar a cabo esta obra, mentres que a achega municipal ascenderá a case 38.000 euros.

Polo que respecta á segunda actuación comprometida, trátase dunhas obras que teñen como obxecto acometer a urbanización do entorno das vivendas do grupo escolar deste municipio, de titularidade municipal. O orzamento comprometido neste caso ascende a algo máis de 103.000 euros co seguinte reparto: 72.000 euros por parte do Executivo autonómico e 31.000 euros pola do Goberno local.

Cómpre lembrar que os convenios de colaboración asinados entre Xunta e Concello de Vilardevós enmárcanse dentro do chamado Plan Hurbe, un programa impulsado no ano 2010 para apoiar ás entidades locais na execución de proxectos urbanísticos destinados a crear ou mellorar equipamentos municipais e humanizar e urbanizar espazos e infraestruturas de uso público.

Desde a súa posta en marcha e ata o ano 2020, o Goberno galego leva colaborado xa no financiamento de máis de 300 actuacións urbanísticas en decenas de concellos e cun investimento global de case 150 millóns de euros.