Folga Transportistas

A Xunta insta o goberno central a garantir a recollida da leite nas granxas

Faise un novo chamamento á Administración central para que identifique corredores seguros que faciliten a chegada de cereais ás industrias de pensos e a de pensos ás explotacións gandeiras, así como a saída de carne dos matadoiros

Óscar Gómez

Ourense | 22.03.2022 08:03

A Xunta insta o goberno central a garantir a recollida da leite nas granxas
A Xunta insta o goberno central a garantir a recollida da leite nas granxas | onda cero

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, mantivo un encontro con representantes das industrias lácteas para abordar a súa situación ante o paro do transporte. Alí, o conselleiro e as propias industrias demandáronlle ao Goberno central que identifique corredores seguros para garantir a chegada de subministración ás fábricas e a saída dos produtos lácteos acumulados durante estes días co gallo de asegurar a recollida do leite nas granxas.

A maiores, fíxose un novo chamamento para asegurar que as industrias de pensos conten cos cereais necesarios para producir e que estes pensos cheguen ás explotacións, así como para demandar que os produtos cárnicos poidan saír dos matadoiros. Nese senso, José González insistiu en que se está a falar de produtos perecedoiros e da supervivencia e benestar dos animais, nun sector en risco de parálise. “A situación pode tornarse insostible nun prazo de dous ou tres días diante da imposibilidade da recollida de todo o leite das explotacións galegas”, advertiu o conselleiro. Pola súa banda, os representantes das industrias coincidiron en agradecer a interlocución coa Xunta nuns intres tan complicados para todo o sector lácteo.

No encontro, José González lembrou que os efectos do paro do transporte se veñen sumar á suba das materias primas rexistrada en 2021, situación que se agravou ademais tras a invasión rusa de Ucraína. Por iso, o titular de Medio Rural urxe ao ministro de Agricultura, Pesca y Alimentación a que se cumpra a Lei da Cadea Alimentaria e esixe que se faga efectiva a prohibición de venda a perdas.

Así mesmo, o conselleiro instou, unha vez máis, ao Ministerio a que se reúna inmediatamente coa distribución, coa industria e coa gandaría para, canto antes, acordar unha suba do prezo dos produtos que están percibindo os nosos gandeiros.

Canto ao Ministerio de Transportes, o titular de Medio Rural demandou que se reúna canto antes coa plataforma que convocou o paro para desbloquear esta situación que -segundo dixo- pode levar a cadea agroalimentaria galega ao colapso.

Ao tempo, José González insistiu na necesidade de levar a cabo outras actuacións, como a inmediata baixada de impostos dos carburantes e outros insumos claves para o sector primario. Unhas demandas, insistiu, que se reflectiron no día de onte nunha manifestación multitudinaria celebrada en Madrid a prol do rural.

Apoio da Xunta

O Goberno galego aprobou a pasada semana un paquete de medidas para paliar as consecuencias da alza de prezos e para achegar liquidez ás empresas no ámbito das competencias autonómicas. Así, a Xunta asumiu o compromiso de financiar o anticipo das axudas directas da PAC, que os produtores adoitan cobrar en outono. En concreto, anticiparanse seis meses uns 200 millóns de euros de liquidez para os agricultores e gandeiros, subvencionando os xuros.

Doutra banda, contémplase a apertura de liñas de crédito de ata 20.000 euros para poder atender compras de circulante, por parte dos gandeiros, avaladas pola Xunta. Para esta operación, a Consellería do Medio Rural dispón dunha liña de avais para chegar ata os 25 millóns de euros de préstamos.