Formación

A Xunta incide na importancia da formación nos novos retos dixitais

Elena Mancha animou aos estudantes da ESO e de Bachelerato a elexir as súas profesións sen deixarse levar por estereotipos e etiquetas que decidan por eles.

Óscar Gómez

Ourense | 06.02.2024 07:56

A Xunta incide na importancia da formación nos novos retos dixitais
A Xunta incide na importancia da formación nos novos retos dixitais | onda cero

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, salientou na apertura oficial da Semana da Orientación Profesional do Colexio Pablo VI da Rúa, en Ourense, a importancia de formarse ao longo de toda a traxectoria profesional para afrontar os novos retos laborais marcados polos procesos de dixitalización, o emprego da intelixencia artifical, a Internet das cousas e, en definitiva, a tecnificación dos postos de traballo. En palabras de Mancha, estes aspectos fixeron que o emprego se atope nunha evolución rápida e constante e, polo tanto, fai necesario unha formación ao longo de toda a vida.

Mancha, antes estudantes da ESO e Bachelerato, tamén explicou que este cambio pola entrada da dixitalización e a intelixencia artificial esixe ás empresas estar ao día para ser máis competitivas e, por iso, -engadiu- os traballadores deben seguir formándose de xeito continuado para dar resposta á transformación do mercado laboral que está a esixir novos perfís profesionais.

Neste senso, a directora xeral apuntou que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, entre as súas funcións, está a apoiar ás empresas galegas a atopar persoas para cubrir as vacantes laborais a través de diferentes programas de formación para o emprego e apoiada pola inteligencia artificial, a través de Emi (Emprego intelixente), unha ferramenta que a Administración autonómica está a implantar na rede de oficinas de emprego de Galicia para casar oferta con demanda.

Mancha, así mesmo, puxo en valor a importancia da figura dos orientadores laborais que son os encargados de elaborar diagnoses individualizadas sobre o perfil e necesidades das persoas desempregadas, entre outras funcións. Ao respecto, a Consellería conta cun programa de axudas anual para a contratación e mantemento de máis de 265 orientadores en 94 concellos e 40 entidades sen ánimo de lucro de Galicia. A convocatoria de este ano, dotada con preto de 7 millóns de euros, está aberta ata o vindeiro 19 de febreiro. A estes profesionais súmanse os que traballan nas oficinas de emprego de Galicia e os axentes de emprego. En toda, é unha rede composta por máis de 660

traballadores que tamén informan sobre a oferta de accións de formación profesional ou deseñan itinerarios individuais e personalizados de emprego.

Ti elixes

Para rematar, Mancha tamén avogou pola “felicidade no traballo” apuntando que un bo clima laboral axuda a que as persoas sexan máis creativas e traballen mellor en equipo e a que as empresas sexan máis produtiva; e animou aos estudantes a elexir as súas profesións “sen que os estereotipos e as etiquetas decidan por vós”. Neste aspecto, referiuse á campaña Ti Elixes que está a desenvolver a Xunta polos centros educativos de Galicia, e que tamén recalará no centro Pablo VI de Ourense, para concienciar ás novas xeracións de que as mulleres deben escoller a súa profesión atendendo ás súas capacidades ou motivacións persoais, sen deixarse limitar por prexuízos ou estereotipos de xénero.

Na súa primeira edición, esta iniciativa chegou a 75 centros de ensinanza secundaria que estaban -polo xeral- situados preto de institutos de formación profesional nos que se ofrece cualificación de familias de sectores tradicionalmente masculinizados. O prazo para adherirse á segunda edición está aberto -ata mañá- co obxectivo de que estudantes de 3º e 4º da ESO poidan ter acceso a charlas didácticas e debates dirixidos por persoal de asociacións, fundacións e clústeres de sectores caracterizados pola escasa representatividade feminina.