Infraestruturas

A Xunta destina case 33.000 euros á mellora de camiños municipais en Xunqueira de Espadanedo

As obras executaranse ao abeiro do Plan Marco 2021-2022 para incidir en tres tramos da parroquia de Niñodaguia

Óscar Gómez

Ourense | 11.03.2021 08:44

A Xunta destina case 33.000 euros á mellora de camiños municipais en Xunqueira de Espadanedo
A Xunta destina case 33.000 euros á mellora de camiños municipais en Xunqueira de Espadanedo | onda cero

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, mantivo unha xuntanza co alcalde de Xunqueira de Espadanedo, Carlos Gómez, para coñecer de primeira man as necesidades e demandas dos veciños deste municipio ourensán no que ás infraestruturas viarias se refire. En concreto, na reunión analizáronse as posibilidades de que esta localidade se beneficie do Plan de Infraestruturas Rurais (PIR), así como do Plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2021-2022.

No caso do Plan Marco, cabe sinalar que o concello de Xunqueira de Espadanedo xa recibiu preto de 25.000 euros na anterior edición do programa, para arranxar distintas vías de comunicación. Canto á presente convocatoria, o consistorio ourensán presentou solicitude para a mellora de tres tramos de camiños da parroquia de Niñodaguia, por un importe de próximo aos 33.000 euros.

En concreto, proxéctase realizar traballos de mellora no tratamento superficial dos camiños para o acceso ás parcelas agrícolas do contorno dos núcleos rurais, así como para o acceso aos propios núcleos. A maiores, está previsto executar limpezas de cunetas e de mellora de pasos de auga.

Nesa liña, Inés Santé destacou que o Plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas permite acondicionar as vías que dan acceso ás parcelas agrarias, que son as canles de entrada e saída das producións rurais, contribuíndo non só á accesibilidade e vertebración do territorio, senón tamén ao aumento da competitividade agraria e forestal. Nesa dirección, apuntou que facilitando o tránsito de maquinaria ás explotacións conséguese tanto unha maior axilidade das operacións como unha redución de custos e dos tempos necesarios para poñer os produtos no mercado.