Economía

A Xunta destaca a recuperación da construción e aposta pola formación continua

A iniciativa, que o Goberno galego financia, inclúe cualificación en especialidades como son o montaxe e mantemento de instalacións solares térmicas, operacións auxiliares de revestimentos ou soldadura de oxigás, entre outros.

A Xunta investirá 82 millóns de euros en 2022 no novo Plan galego de formación para o emprego, un 24% máis que este ano na cualificación para persoas ocupadas e desempregadas.

A construción xerou no segundo trimestre deste ano emprego para 78.200 persoas, un 16% máis que en 2019.

Óscar Gómez

Ourense | 09.11.2021 08:04

A XUNTA DESTACA A RECUPERACIÓN DA CONSTRUCIÓN
A XUNTA DESTACA A RECUPERACIÓN DA CONSTRUCIÓN | onda cero

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, destacou a recuperación do sector da construción e a importancia de seguir apostando pola formación continua e especializada neste ámbito, sempre adaptada ás demandas das empresas, na presentación do Plan formativo para o emprego de persoas desempregadas da Funación Laboral da Construción para 2021-2022. No acto, que tivo lugar na sede deste organismo en Santiago de Compostela, a conselleira sinalou o dinamismo do sector da construción (no útimo trimestre deste ano xerou emprego para 78.200 persoas, un 16% máis que en 2019) que require atender novas capacidades para atender a crecente demanda de man de obra.

Deste xeito, Lorenzana apuntou que a Xunta aposta pola formación específica deste sector entre os máis novos para garantir o relevo xeracional e sinalou que estar á altura do dinamismo deste sector require un compromiso das empresas, das persoas traballadoras e das administracións públicas. Este labor conxunto permitiu que dentro do Plan autonómico de formación para o emprego para 2021-2022, a Xunta financie diversas accións formativas que imparte a Fundación Laboral da Construción de Galicia e que hoxe se presentaron nas especialidades de montaxe e mantemento de instalacións solares térmicas; operacións auxiliares de revestimentos continuos en construción e montaxe; soldadura de oxigás e soldadura mig/mag, entre outros.

En palabras de Lorenzana, este traballo conxunto da Xunta e da Fundación permitiu desde 2009 un investimento por parte da Xunta de 27,5 millóns de euros dirixidos á formación prioritaria de persoas sen emprego neste sector.

Apuntou, ademais, que os orzamentos da Consellería para 2022 reservan un total de 82 millóns de euros para o novo Plan galego de formación para o emprego (un 24% máis que este ano), unha inicaitiva que inclúe cualificación para ocupados e persoas desempregadas en diversos sectores.

Formación en construcion
Formación en construcion | onda cero

Axenda Galega de Capacidades

No compromiso da Xunta para desenvolver unha formación para o emprego de calidade, a conselleira avanzou que mañá mesmo presentarase a Axenda Galega de Capacidades para o Emprego, que suporá “un impulso pioneiro e sen precedentes” para a cualificación profesional da poboación galega, coa vista posta na mellora da empregabilidade, o que, segundo engadiu, repercutirá na mellora do desenvolvemento socioeconómico e da competitividade empresarial. Segundo Lorenzana, a Axenda é un xeito de articular unha formación para o emprego “integral e transversal” e que entende a capacitación profesional como “o resultado dun gran pacto no que empresas, traballadores, axentes socioeconómicos e administracións unan esforzos a prol dun maior benestar común”.

Para rematar, a conselleira avogou por seguir traballando da man da Fundación Laboral da Construción para acadar un sector para Galicia “máis profesional, máis capacitado, máis produtivo e máis igualitario”. Neste senso, destacou a maior presenza de mulleres en talleres de formación destinados á construción. “A especialización e a adaptación aos cambios se volven fundamentais no novo xeito de entender a aprendizaxe”, concluíu.