Ourense Provincia

A Xunta despragará un dispositivo de seguridade nas estradas ante as inclemencias do tempo

O Plan recolle un conxunto de medidas preventivas para anticiparse aos contratempos previsibles e paliativas para reforzar a seguridade viaria ante situacións meteorolóxicas desfavorables.

Óscar Gómez

Ourense | 31.10.2022 12:46

A Xunta despragará un dispositivo de seguridade nas estradas ante as inclemencias do tempo
A Xunta despragará un dispositivo de seguridade nas estradas ante as inclemencias do tempo | onda cero

A Xunta despregará ata o 30 de abril un dispositivo de 390 profesionais, 80 vehículos e 5.400 toneladas de fundentes para garantir a seguridade nas estradas autonómicas ante as inclemencias do tempo. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, visitou hoxe o Centro de Conservación e Vialidade Invernal de Ourense, un dos 26 existentes na comunidade para facer fronte aos efectos da climatoloxía adversa nas estradas autonómicas.

Explicou que o Plan de Vialidade Invernal estará operativo desde mañá mesmo, día 1 de novembro, na provincia de Ourense e tamén na de Lugo; e no caso das da Coruña e de Pontevedra, comezará o 15 de novembro. Detallou que o Plan recolle un conxunto de medidas preventivas, para anticiparse aos contratempos que se poidan producir; e medidas paliativas, para reforzar a seguridade viaria ante situacións meteorolóxicas desfavorables.

Sinalou que o dispositivo está preparado para actuar e garantir a seguridade e a mobilidade nos 5.500 km de estradas da Xunta, prestando especial atención aos preto de 1.000 km que, por altitude, son máis susceptibles de incidencias por acumulación de neve ou placas de xeo.

Destacou que a conservación das estradas é prioritaria para a Xunta, tal como amosan os Orzamentos de 2023, ao reservar 50 M€ a accións de vialidade invernal, de conservación ordinaria ou do Plan de reforzos de firme. Subliñou que a seguridade viaria é unha tarefa compartida, responsabilidade de todos, e neste sentido, fixo un chamamento á precaución na estrada, porque nesta época do ano os días acúrtanse e a néboa e a chuvia dificultan a visión.