En concreto, créase unha unidade de directores de extinción composta por un equipo de traballo formado por persoal especialmente cualificado e especializado nos labores de dirección de extinción que, en lumes con elevado potencial de converterse en gran incendio forestal, poderán ser mobilizados polo Centro de Coordinación Central de incendios para a súa intervención, coa intención de facilitar e favorecer o correcto desenvolvemento do dispositivo, asumindo a dirección técnica de extinción á súa chegada ao lume.
Así, o conselleiro avanzou que dito equipo de traballo estará formado por persoal de diferentes categorías (técnicos, axentes, bombeiros forestais, emisoristas...) que terán dependencia funcional directa da Dirección Xeral de Defensa do Monte. Deste xeito, o persoal que conforme dito equipo de traballo cumprirá coas misións específicas do seu posto definidas no Pladiga, tendo en conta a posibilidade de executalas no emprazamento que se requira. Para a súa mobilización, partirase dun equipo mínimo de dous integrantes no que cando menos un deles teña facultades para erixirse en director de extinción á súa chegada ao lume. As características do incendio e a súa potencialidade serán as principais cuestións a ter en conta para o seu despacho e composición, non habendo límite de persoal e categoría a incorporar en función das necesidades e da súa dispoñibilidade. Para o correcto desenvolvemento da unidade disporase ademais dos medios materiais necesarios.
Neste senso, o conselleiro explicou que este ano créanse tamén tres novas brigadas públicas helitransportadas nas bases do Barco de Valdeorras, no Xurés (Muíños) e en Queimadelos (Mondariz) -con medio cento de efectivos para cubrir todas as quendas- e que se sumarán ás xa existentes nas bases de Marroxo (Monforte), Campiño (Pontevedra) e Vilamaior (Verín). Ditas brigadas helitransportadas serán un apoio fundamental para o desenvolvemento da nova unidade, coa garantía de dispoñer de medios durante todo o ano e con persoal que integrará parte do equipo, a maiores da versatilidade que ofrece dispoñer do medio aéreo como ferramenta para determinadas accións.
Doutra banda, como maior reforzo dos medios materiais que tamén servirán de apoio para facilitar o correcto desenvolvemento do traballo deste equipo multidisciplinar, prevese este ano a compra de 15 motobombas e doutros 12 batracios, que consisten nun tractor con cisterna, trituradora multifunción e polidozer. Ademais, ao longo deste exercicio poderanse adquirir outros tres vehículos motobombas e outros dous batracios, que -neste último caso- poden ser claves tamén na extinción, máis aló dos traballos preventivos que están capacitados para desenvolver.
Lei de loita integral contra os incendios forestais
Durante a xuntanza do Consello Forestal de Galicia, José González tamén puxo en valor a futura Lei de loita integral contra os incendios forestais, cuxo anteproxecto inicia a súa tramitación. Así, salientou que a nova norma busca aportar unha nova visión global, incluíndo as recomendacións da Comisión especial de estudo e análise das reformas da política forestal, de prevención e extinción de incendios forestais e do Plan Forestal de Galicia, tras os lumes de outubro do 2017, e froito da experiencia acumulada ata o de agora. Todo ademais tras a pertinente consulta pública previa e o proceso participativo levado a cabo coas universidades galegas e co Servizo de prevención e extinción.
O novo texto, matizou o conselleiro, artella toda unha estratexia arredor do que se dará en chamar Sistema de loita integral contra os incendios forestais de Galicia, formado polo conxunto de infraestruturas, medidas e accións dirixidas tanto á prevención como á protección dos terreos agroforestais fronte aos incendios forestais, á vixilancia e investigación das súas causas, así como á súa extinción; cunha tripla planificación que incidirá de xeito determinante na prevención, polo que foi a vertente na que fixo fincapé José González.
Así, a nivel autonómico definirase o Mapa dinámico de perigo de incendios forestais, un documento técnico que reflicte a zonificación do territorio desde a perspectiva de risco de ocorrencia de incendios forestais. Este mapa terá en conta o combustible existente, a frecuencia histórica de lumes ou as súas causas e motivacións. Tamén se establecerán a nivel autonómico as zonas de alto risco de incendios, nas que a frecuencia ou virulencia dos lumes e a importancia dos valores ameazados fan necesarias medidas especiais de protección e para as que se terán en conta as mesas abertas de traballo, unha canle de participación pública nova. Estas zonas permitirán definir a nivel distrito as áreas estratéxicas de xestión, zonas de actuación singularizada no territorio nas que se optimizarán combustibles, usos, actividades ou infraestruturas para limitar a potencialidade dos incendios.
O anteproxecto inclúe tamén os plans preventivos de distrito, que ampliarán os actuais plans preventivos municipais concretando a estratexia operativa e o marco de desenvolvemento das actuacións preventivas dentro do seu ámbito territorial. Deberán establecer as faixas de seguridade primarias, secundarias e terciarias, darán orientación para a alternancia de teselas de diferente inflamabilidade, identificarán zonas para facer queimas prescritas e os puntos de vixilancia fixa e a rede de puntos de auga, ademais de todos os medios dispoñibles de prevención e extinción. Mentres, os catálogos municipais de infraestruturas e medios de prevención recollerán a rede de pistas, vías, camiños, estradas e terreos de titularidade municipal; así como os núcleos de poboación e as faixas de seguridade secundarias, ademais da localización das infraestruturas preventivas e dos medios de extinción dos que se dispón no termo municipal.
No relativo ao sistemas preventivos vinculados ao territorio, o conselleiro sinalou que está previsto dispor -como novidade- primeiramente das paisaxes en mosaico, que son a configuración heteroxénea dun territorio predominantemente forestal xerada pola inserción de usos agrícolas, gandeiros ou forestais que modifican o modelo de combustible, dificultando a propagación do lume ou facilitando a actuación dos medios de extinción. Para o seu desenvolvemento, propóñense as paisaxes cortalumes, cuxas descontinuidades na biomasa procurarán a diversificación agroforestal do territorio freando ou atenuando os efectos dos incendios coa implantación de actividade sustentable. Así, dentro destas paisaxes cortalumes, prevese impulsar os polígonos cortalumes no marco da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, as agrupacións forestais de xestión conxunta -especialmente diversificando as masas forestais ou a plantación de especies autóctonas-, actividade agrogandeira ou árbores frondosas autóctonas ou froiteiras nas faixas de seguridade e as súas ampliacións (para estes efectos, o ámbito de solo rústico dentro do perímetro dunha aldea modelo poderá ser considerado paisaxe cortalume), e sistemas silvopastorais e gandería en extensivo. Máis aló das paisaxes cortalumes, indicou o conselleiro, apóstase tamén pola diversificación das masas forestais por medio da definición de teselas de distinta inflamabilidade e combustibilidade no plan de distrito ou pola silvicultura preventiva que se incorpora transversalmente en todas as accións que se desenvolvan no espazo agroforestal, entre outros contidos do novo texto.