Fondos Europeos

A Xunta e os Concellos reclaman un reparto equilibrado do fondos Next Generation

Insta ao Goberno central a avanzar en proxectos clave como as autovías Ourense-Lugo, Ourense-Ponferrada, a modernización do tren Ourense-Vigo polo Miño ou na súa parte da estación intermodal.

Óscar Gómez

Ourense | 08.09.2021 08:45

A Xunta e os Concellos reclaman un reparto equilibrado do fondos Next Generation
A Xunta e os Concellos reclaman un reparto equilibrado do fondos Next Generation | onda cero

A Xunta remitiu ao Goberno de España a Declaración Institucional ‘Por un rural forte e conectado’, na que 153 concellos reclaman un reparto equilibrado dos fondos Next Generation destinados a impulsar actuacións en materia de mobilidade.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, mantivo hoxe un encontro con alcaldes da provincia para abordar a convocatoria destes fondos europeos para actuacións municipais en materia de mobilidade que vén de realizar o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.

Vázquez Mourelle demandou que o Ministerio teña en conta as reivindicacións e peculiaridades de Galicia e permita que os concellos máis pequenos poidan beneficiarse destes fondos para contribuír ao seu desenvolvemento e a frear o seu despoboamento. Este encontro dálle continuidade ao celebrado o 31 de xullo en Santiago, no que a Xunta e 75 concellos presentaron a citada Declaración Institucional, ao considerar que os fondos europeos de recuperación representan unha oportunidade de transformación e modernización para avanzar nunha maior vertebración territorial e na cohesión social que Galicia ten que poder aproveitar.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén reiterando a súa disconformidade cos criterios de reparto de fondos establecidos para iniciativas ligadas ao ámbito da mobilidade sostible, da dixitalización do transporte e das comunicacións. Manifestou o desacougo da Xunta ante o feito de que os criterios de reparto deixen á marxe do financiamento europeo á meirande parte dos municipios galegos. Precisou que o 97,8% dos concellos quedan fóra do plan de reconstrución, ao primar os investimentos nos municipios de máis de 50.000 habitantes e establecer condicións de difícil cumprimento para os de máis de 20.000.

Ethel Vázquez fixo fincapé en que Galicia ten máis da metade dos núcleos de poboación de España e iso implica unha maior necesidade de investimentos per cápita para deseñar e financiar servizos públicos como as estradas ou o transporte público. Remarcou que a Xunta presta servizos de transporte público interurbano que cobren 63 millóns de quilómetros ao ano e xestiona 5.500 quilómetros de estradas, polo que cómpre un maior equilibrio no reparto dos fondos Next Generation de Mobilidade.

Tamén se referiu aos prazos, pois mentres o Ministerio dispón ata 2026 para a execución das obras con cargo a estes fondos de reconstrución, establece que as demais administracións, Xunta e Concellos, deben telas rematadas a finais de 2024. Lamentou que o Goberno de España se reserve para actuacións propias o 78% dos recursos europeos destinados á mobilidade, deixando só un 9% para todas as autonomías e un 13% para os concellos.

Salientou que o Goberno de España non está a avanzar en infraestruturas estatais estratéxicas como as autovías Ourense-Lugo, que vai máis alá que o treito Eirasvedras-Quintela, Ourense-Ponferrada, a modernización do tren Ourense-Vigo polo Miño ou a parte estatal da estación intermodal. Sinalou que os criterios impostos nos fondos europeos impiden un maior avance da Xunta na mellora da estrada OU-533, entre Valdeorras e a estación do AVE e a A-52 na Gudiña; da OU-402, en Ribadavia e Arnoia; da OU-540, entre Celanova e a fronteira Portuguesa; ou na prolongación do acceso ao polígono de San Cibrao e á Cidade do Transporte desde a A-52.