Ourense Provincia

A Xunta colabora co Inorde en actividades de turismo

A Xunta achega 52.000 euros para promocionar a comunidade en eventos deportivos como o Campionato de Europa Junior de Rallies, o Gladiator Race Nocturno Via Nova de Muíños, o Trail Xurés, así como competicións de ciclismo e deportes náuticos

Óscar Gómez

Ourense | 03.05.2021 08:11

A Xunta colabora co Inorde en actividades de turismo
A Xunta colabora co Inorde en actividades de turismo | onda cero

Na súa aposta por fomentar Galicia como un destino turístico de calidade, a Xunta vén asinar un convenio co Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde), para apoiar actividades relacionadas coa promoción e a dinamización turística na provincia de Ourense. O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o presidente do Inorde, Rosendo Fernández, materializaron este convenio a través do que o Goberno galego destina 52.000 euros cos que dar a coñecer Galicia e Ourense en distintos eventos deportivos previstos para este ano na provincia.

Así, o investimento por parte da Xunta inclúe o apoio á promoción dos recursos turísticos da comunidade galega e a provincia ourensá no Campionato de Europa Junior de Rallies previsto para mediados de xullo se a situación sanitaria o permite; a 4ª edición da Gladiator Race Vía Nova en Muíños, a primeira proba de obstáculos nocturna en España, ou o Trail do Xurés, así como distintos eventos vencellados co ciclismo e cos deportes náuticos na provincia. Deste xeito, promocionaranse actos relacionados co remo, a vela ou o piragüismo co obxectivo de potenciar o destino para o Adestramento de equipos internacionais na contorna de Laias, Arnoia e Castrelo de Miño.

Con esta colaboración co Inorde, organismo dependente da Deputación de Ourense, a Xunta aposta por presentar Galicia como un destino de calidade e sustentable cunha oferta competitiva que contribúe á desestacionalización do sector turístico. Alfonso Rueda destaca a variedade de recursos turísticos da provincia como o turismo termal e deportivo, o enoturismo ou a gastronomía. Ademais, a Xunta apoia o proxecto Ourense Termal da Deputación ourensá pola súa contribución a un turismo sostible acorde co modelo turístico de Galicia, polo que ten solicitado á Secretaría de Estado de Turismo a súa inclusión nos Plans de Sostibilidade Turística en Destino deste ano.