A Xunta de Galicia apoia a renovación de aparellos de cociña en máis de 13.500 fogares galegos a través da nova edición do programa Galicia Renova Electrodomésticos que xa esgotou o crédito previsto de 2M€.
A iniciativa foi un éxito e, tras mes e medio aberta, vén de entrar en lista de agarda. Os aparellos máis demandados pola cidadanía galega foron as lavadoras, con máis de 7000 axudas; seguidas dos frigoríficos conxelador, con máis de 2700 solicitudes; e as placas de indución con máis de 2500.
Calcúlase que a adquisición destes novos electrodomésticos permitirá ás familias aforrar ao redor de 540.000 euros ao ano na súa factura eléctrica, nun momento en que a elevada inflación dos produtos enerxéticos está a impactar considerablemente nos fogares. Tamén se prevé unha redución do consumo enerxético de 2700MWh/ano, unha diminución das emisións de CO2 equivalente á plantación de 40.000 árbores e o mantemento ou creación dun, aproximadamente, centenar de postos de traballo, entre directos e indirectos.
Os beneficiarios obterán apoios que poden acadar o 25% do prezo do electrodoméstico para un consumidor xeral e do 50 ou 75% para os consumidores con máis dificultades, polo que, segundo a tipoloxía de electrodoméstico e o consumidor, as axudas van desde os 100 aos 450 euros.
Galicia avanza, polo tanto, nun cambio cultural que proporciona ás familias as ferramentas necesarias para a descarbonización da economía a través deste programa para a renovación de electrodomésticos. Preténdese non só a redución dos custos enerxéticos e a mellora da calidade de vida ligada ao coidado medioambiental, senón tamén contribuír á dinamización comercial.