Artesanía na escola consiste na creación de diferentes unidades didácticas monográficas sobre oficios artesanais –poñendo especial atención nos oficios máis tradicionais– e nas que se incluirán unha unidade didáctica en papel que se lle enviará aos centros participantes e fichas en formato dixital para poder traballar na aula. Cada unidade didáctica falará dun oficio concreto a través da traxectoria dun artesán ou artesá real, co obxectivo de facilitarlle ao alumnado a comprensión do tema ou a ampliación de información, e tamén coa intención de que eses profesionais da artesanía poidan visitar algúns dos centros que están a participar no programa.
Despois da primeira das unidades didácticas dedicada ao oficio dos zoqueiros, estase a traballar noutras unidades especializadas nos instrumentos musicais tradicionais, na ourivería compostelá ou na cerámica.
Durante a presentación, o director xeral de Comercio e Consumo sinalou que “esta liña de traballo está dirixida á concienciación dos máis pequenos sobre os valores da artesanía, buscando poñer en valor o produto feito á man para os consumidores de mañá e dando a coñecer tamén un oficio e un modo de vida para os futuros profesionais”.
Os obxectivos do programa son divulgar os oficios artesanais que son patrimonio cultural e tamén sector económico; poñer en valor o produto feito á man e do profesional da artesanía como creador e como transmisor de coñecementos; divulgar os vellos saberes e amosar os novos oficios; transmitir os valores da artesanía vinculados a un consumo responsable, á produción local e sustentable e á economía circular; e, a longo prazo, atallar a remuda xeracional nos oficios artesanais.
Eu son zoqueira
A primeira das unidades didácticas deste proxecto, Eu son zoqueira, está dirixida ao alumnado de 5º e 6º de Primaria e centrada no oficio da elaboración tradicional de zocos a través da figura de Elena Ferro, responsable de Eferro (Vila de Cruces), un obradoiro familiar activo desde o ano 1915 e que veu recoñecida a súa traxectoria co Premio Nacional de Artesanía no ano 2019.
Elena Ferro destaca polo seu traballo cun produto característico da tradición rural: os zocos de madeira, que sufriron unha época de crise cando quedou en desuso e só se empregaba para o traxe tradicional. Esta artesá conseguiu un cambio no valor de uso deste calzado de traballo, outórgalle un novo significado a este produto sen arrebatarlle a súa esencia e reinventouno como complemento de moda con constantes innovacións en deseños, materiais e cores.
A través de ilustracións e dunha linguaxe adaptada para o alumnado de Primaria, explícase a importancia dos zocos como calzado tradicional en Galicia e o oficio da elaboración dun zoco a través das partes que o conforman e das ferramentas empregadas. Nas fichas – que se entregarán só en formato dixital – repásanse diferentes conceptos explicados no libro. Pódese obter máis información na Fundación Pública Artesanía de Galicia a través do correo centro.artesania@xunta.gal ou do teléfono 881 999 171.