Ourense Cidade

Voces Femeninas volve o Teatro Principal

O evento cultural terá lugar o 24 de novembro, ás 20.00 horas e contará nesta edición coas artistas Hinako Omori, Nadine Khouri e Wallis Bird.

Óscar Gómez

Ourense | 09.11.2023 16:53

Voces Femeninas volve o Teatro Principal
Voces Femeninas volve o Teatro Principal | onda cero

O espectáculo Voces Femininas volve “a súa casa” no Teatro Principal, co apoio da Deputación de Ourense, cun cartel protagonizado polas artistas Hinako Omori, Nadine Khouri e Wallis Bird, que encherán de música e talento este espazo cultural o 24 de novembro, a partir das 20.00 horas. A presentación deste espectáculo tivo lugar hoxe no Teatro Principal, acto no que participou o vicepresidente segundo da Deputación e deputado de Cultura, César Fernández; a directora do Teatro, Olga Mojón; e o organizador Coconut Producciones, Edu Romero.

Este espectáculo é “unha oferta que se caracteriza pola excelencia e que forma parte da programación deste Teatro, a quen agradezo o gran traballo que realizan para convertelo na infraestrutura cultural de referencia en Ourense”, sinalou o deputado de Cultura. “Tratase dunha actividade consolidada na axenda cultural que conta cun público fixo e que nesta edición é un bo exemplo de multiculturalidade, engadíndolle aínda máis valor ao propio programa”.

César considera que é moi acaído celebralo precisamente no mes de novembro cando se reivindica a igualdade afirmando que “non hai mellor maneira de concienciar sobre ela que a través da posta en valor da excelencia do traballo que realizan as mulleres nas súas diferentes profesións, neste caso no ámbito musical”.

O proxecto, afincado en Ourense desde o ano 2009, nace con vocación de "reivindicar o talento de toda unha xeración de intérpretes e compositoras" a través dun evento festivo, lembrou Olga Mojón. Neste sentido, Edu Romero destacou o traballo realizado durante todos estes anos por Voces Femeninas apostando sempre pola “excelencia da música e ofrecendo aos espectadores unha experiencia única neste Teatro que para nós é a nosa casa”. Ademais esta edición, o espectáculo levará ao público a realizar “unha viaxe interesante con artistas que aínda sendo moi diferentes, teñen en común a capacidade de teletransportarte”.

Aínda que a primeira edición de Voces Femininas se celebrou unicamente en Vigo, en 2009 chegaba a Ourense e desde entón o Teatro Principal é “a casa do festival”, segundo a organización. En total, máis de trinta artistas xa forman parte da historia de “Voces Femeninas” ás que se suman as artistas deste ano.

Voces Femeninas 2023

A xaponesa Hinako Omori converteuse, desde a publicación do seu disco debut no ano 2022, nunha das estrelas emerxentes da escena musical inglesa, mesturando a música clásica e a electrónica. Nadine Khouri, de orixe libanés e afincada en Londres, defínese a sí mesma como filla do desarraigo e conta que as súas cancións nacen motivadas polo doloroso sentimento de saberse forasteira a perpetuidade. Por último, Wallis Bird deu máis de 1.000 concertos e gañou múltiples premios internacionais, entre eles os Meteor Award que son os Grammy da industria musical irlandesa.