No transcurso do encontro, a edil de Turismo, Flora Moure, solicitou formalmente que a vindeira asemblea da Rede de Cidades AVE se celebre na cidade de Ourense, petición que xa manifestara en 2019 o anterior concelleiro de Turismo, Jorge Pumar, argumentando que o feito de que Ourense sexa cidade fundadora desta asemblea, e coa chegada do AVE a Galicia, é de xustiza que sexa a cidade das Burgas a que acolla a vindeira asemblea a nivel estatal. De feito, esta suxerencia fora refrendada tamén ao ano seguinte, en 2020, por parte da actual edil de Turismo, Flora Moure.
“Consideramos que esta asemblea, prevista para 2022, debería ter lugar en Ourense, tendo en conta que a próxima semana xa teremos AVE e aproveitando, ademais, que o próximo ano tamén será Ano Santo Xacobeo, e así foi estimado pola Presidencia da Rede de Cidades AVE. Será unha oportunidade inmellorable para a promoción turística da cidade e para establecer sinerxias e cooperación con outras cidades que comparten con Ourense a Alta Velocidade”, argumentou Flora Moure na súa intervención diante da asemblea da Rede Cidades AVE.
“Desde o Concello, e desde a Concellería de Turismo en particular, traballamos para que a chegada do AVE constitúa unha oportunidade de crecemento e mellora das potencialidades da nosa cidade, e por iso acoller a próxima Asemblea Ordinaria da Rede de Cidades AVE será unha oportunidade histórica para alcanzar os nosos obxectivos”, sinalou Flora Moure.
A Red de Ciudades AVE, -que integra capitais coma Sevilla, Málaga, Valencia, Barcelona ou León, entre outras- é o produto turístico resultante da fusión do tren como medio de transporte sustentable, rápido e eficaz por excelencia e o patrimonio das cidades que a forman.
A Asociación ten dous tipos de produtos turísticos: Escapadas en AVE, que engloba viaxe en AVE, hoteis a prezos especiais e actividades de lecer no destino. Unha oportunidade para coñecer e vivir cada cidade.