O concello ourensán de Vilamarín acaba de adherirse ao Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía, converténdose deste xeito no primeiro de Galicia e no sétimo en toda España en asumir como propios os novos obxectivos da UE na materia anunciados no mes de xullo e que implican, entre outros, a consecución da neutralidade climática no ano 2050.
Con esta nova adhesión son xa 273 os municipios galegos que forman parte do Pacto, unha iniciativa impulsada pola Comisión Europea en 2008 e que se converteu no maior movemento internacional para buscar sinerxías entre as distintas administracións ante o cambio climático, cunha mención especial ao labor dos concellos pola relación directa que teñen cos cidadáns.
O Goberno galego traballa como coordinador deste movemento na comunidade desde 2017, coa convicción de que os retos climáticos globais deben afrontarse desde as vilas e as cidades de xeito unido e partindo da premisa “pensar global, actuar local”. Baixo a súa coordinación o Pacto recibiu un pulo importante en Galicia, xa que o 91,6% das adhesións —un total de 250 concellos— se produciron nos últimos cinco anos.
Tendo en conta as diferentes etapas de transición nas que se atopan os estados e rexións membros, e que cada un deles conta con diferentes recursos propios para dar resposta ás ambicións establecidas no acordo de París, o Pacto das Alcaldías establece que os obxectivos de redución de emisións a acadar no horizonte de 2030 e 2050 deberán ser, canto menos, tan ambiciosos como os obxectivos nacionais.
Neste sentido, cómpre lembrar que o chamado Obxectivo 55 —un novo paquete de medidas publicado pola Comisión Europea o pasado 14 de xullo— inclúe toda unha serie de propostas lexislativas en materia de clima, enerxía e transporte co fin de traducir en accións o obxectivo asumido pola UE de reducir as emisións nun 55% de aquí a 2030 e lograr emisións netas 0 no horizonte do ano 2050.
Como concello asinante do Pacto das Alcaldías, Vilamarín deberá facer propios estes obxectivos por medio da adaptación de medidas de eficiencia enerxética e dun maior uso de fontes de enerxía renovables.
Ao mesmo tempo, tamén terá que traballar na implantación de medidas de adaptación ao cambio climático e no aumento da resiliencia fronte a este, así como no reforzo da cooperación coas autoridades locais e rexionais na UE e fóra dela, para mellorar o acceso á enerxía segura, sostible e alcanzable.
Compromiso da Xunta coa loita contra o cambio climático
A aposta da Xunta pola loita contra o cambio climático plasmouse hai anos na creación dun departamento específico para canalizar todo o traballo relacionado con este fenómeno —a actual Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático— e incorporándoo ás súas políticas de forma transversal.
De feito, nos orzamentos da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda do ano que vén este departamento disporá dun total de 60,3 millóns de euros, o que supón un 12% máis que o ano anterior.
Un dos eixos principais nos que se centrarán os investimentos desta Dirección Xeral o próximo ano será a Estratexia galega de biorresiduos e residuos municipais 2022-2023 —na que tamén participa Sogama— presentada esta semana ante o Consello da Xunta e cun investimento previsto de máis de 60 millóns de euros durante os seus dous anos de vixencia.