Pesca

A tempada de pesca comeza en galicia con máis de 12.000 afecionados exentos de pagar taxas

Ángeles Vázquez subliña que esta exención, unha medida introducida coa nova Lei de pesca continental para os menores de idade e o colectivo de maiores de 65 anos, beneficia xa en Galicia a un de cada tres pescadores con licenza en vigor.

Óscar Gómez

Ourense | 20.03.2023 08:12

A tempada de pesca comeza en galicia con máis de 12.000 afecionados exentos de pagar taxas
A tempada de pesca comeza en galicia con máis de 12.000 afecionados exentos de pagar taxas | onda cero

A nova tempada de pesca en augas continentais comezou oficialmente na meirande parte dos ríos da Comunidade para as máis de 36.000 persoas que contan este ano con licenza en vigor para pescar en Galicia e dos cales 12.120 se beneficiaron da exención das taxas en concepto de licenza que vén aplicando a Xunta a determinados colectivos desde o ano 2021.

Con motivo da primeira xornada hábil para a pesca da troita e acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, visitou esta mañá un tramo do río Avia ao seu paso por Leiro, dentro do couto de réxime natural de Ribadavia, desde onde se referiu a algúns dos aspectos máis destacados da campaña de 2023.

Neste sentido, cifrou en 12.120 as licenzas vixentes para esta tempada en Galicia exentas de pago por tratarse os seus titulares de menores de idade ou persoas de máis de 65 anos. Esta exención, tal e como lembrou a conselleira, foi unha das novidades recollidas na Lei de pesca continental autonómica aprobada en 2021 e ten como fin impulsar a remuda xeracional dun sector no que a idade media se sitúa entre os 50 e os 70 anos e que conta cunha grande tradición na Comunidade.

Deste xeito, unha de cada tres persoas habilitadas para pescar nos ríos galegos quedou exenta de pagar as taxas correspondentes á súa licenza, un balance que supera con creces os datos do ano anterior —cando se contabilizaron 5.686 exencións—.

Así mesmo e igual que na tempada pasada, a conselleira indicou que, con carácter xeral, en 2023 os luns consideraranse días inhábiles nos 14.000 km de ríos galegos habilitados para a pesca, agás festivos nacionais ou autonómicos. Os xoves serán hábiles só para a modalidade sen morte en todas as masas de auga, excepto festivos nacionais ou autonómicos, que serán hábiles segundo a modalidade de pesca autorizada en cada zona.

Ademais e tendo en conta que visitou un tramo fluvial onde se pesca fundamentalmente troita, Ángeles Vázquez recordou que hoxe comeza o período hábil para capturar esta especie en toda Galicia e que, con carácter xeral, se estenderá ata o 31 de xullo.

Tamén aproveitou a ocasión para saudar a algúns dos afeccionados que se achegaran ata o lugar coincidindo coa primeira xornada de pesca, aos que lles desexou unha boa tempada. Neste sentido, salientou a importante tradición pesqueira que hai nesta zona e referiuse tamén ao peso que ten a provincia de Ourense no sector, xa que é a segunda provincia na que se tramita un maior número de licenzas, só por detrás da Coruña.

Períodos e tamaños por especies

Segundo figura na orde reguladora das normas que rexerán este ano para as distintas especies ictícolas das augas continentais galegas, a tempada de pesca fluvial rematará con carácter xeral o vindeiro 31 de xullo. En calquera caso, para a troita e nos coutos con convenio de colaboración prolongarase ata o 30 de setembro na modalidade de pesca sen morte. Ademais, nas augas salmoneiras, nas de reo ou nas de montaña o inicio do período hábil para pescar esta especie atrasarase ata o próximo 1 de maio.

Como norma xeral establécese a posibilidade de capturar 6 exemplares de troita ao día e por persoa, cunha talla mínima de 19 centímetros, e os engados a utilizar serán os mesmos que os da tempada pasada.

No caso do salmón, o período hábil de pesca abranguerá desde o 1 de maio ata o 31 de xullo, pero poderá adiantarse o seu remate en función das capturas. Nos tramos compartidos do río Eo e nos coutos do Ulla, o período rematará o 30 de xuño.

A cota de captura neste caso establécese nun exemplar por persoa e xornada, cunha dimensión mínima de 40 centímetros. A ratio anual no río Ulla queda fixada en 30 exemplares; no Mandeo os exemplares serán 5; no caso do río Masma a cota é de 15 salmóns; no Miño fíxase en 8; e no couto de Salmeán, en 10.

Por último, a tempada para a pesca do reo, en xeral, comezará o 1 de maio e rematará o 31 de xullo. En todo caso, prorrogarase nos coutos de Betanzos, Noia, Noval, Ombre, Padrón, A Ponte do Porto, Ribeiras, Segade, Traba, Xuvia e Lambre ata o 30 de setembro; e, no caso de Ponte Arnelas, Pontevea, Santeles, Sinde e Ximonde, ata o 31 de agosto.