Ourense Cidade

Os socialistas levarán ao parlamento de Galicia os recortes nas UNIS de Ourense

“Pedimos ao señor Rueda que interceda de xeito inmediato para que isto deixe de acontecer e se blinden os servizos sociais, tan importantes para a cidadanía nestes momentos”, defende a deputada Marina Ortega

Óscar Gómez

Ourense | 14.11.2023 08:10

Os socialistas levarán ao parlamento de Galicia os recortes nas UNIS de Ourense
Os socialistas levarán ao parlamento de Galicia os recortes nas UNIS de Ourense | onda cero

Os deputadas do PSdeG reclaman ao executivo autonómico que se posicione e actúe en base ao cumprimento da lei 13/2008 sobre o anuncio de recortes nas Unidades Interdisciplinares de Intervención Social da cidade (Casco Vello, Centro, A Ponte e O Couto) para que se garantice a proximidade á cidadanía máis vulnerable cun trato individualizado.

“As UNIS contan no seu cadro de persoal con traballadores/as e educadores/as sociais e persoal administrativo, que tramitan solicitudes de axuda a domicilio, atención e recoñecemento da dependencia, emerxencias ou prestacións económicas, así como a detección de casuísticas de maltrato ou desamparo en menores”, sinala a deputada Marina Ortega que asinou a iniciativa xunto a Xulio Torrado e Luis Manuel Álvarez.

O pasado 26 de setembro, o rexedor expuña a través dun comunicado de prensa a súa intención de agrupar toda a área social do Concello de Ourense nunha soa sede, que sería o edificio municipal da praza de San Martiño, para posteriormente afirmar que mantería só dúas destas dependencias.

Neste senso, os e as socialistas lembran que hai que ter en conta a normativa existente e que este anuncio incumpre o Decreto 99/2012, do 16 de marzo, afectando ao “tratamento confidencial dos datos” dos e das usuarias ao non poder ser atendidas adecuadamente e “co respecto debido a súa dignidade, intimidade e autonomía”, segundo expón o texto legal.

Tamén se recolle no decreto que estes lugares deben contar cun “espazo separado que permita a privacidade nas entrevistas e reunións necesarias para a intervención social individualizada” e cun “espazo de reunións proporcionado ás características e dimensións da poboación atendida”.

“Por todo, pedimos ao señor Rueda que interceda de xeito inmediato para que isto deixe de acontecer e se blinden os servizos sociais, tan importantes para a cidadanía nestes momentos, tendo en conta que despois da pandemia supuxeron un sobrecusto nos concellos de máis de máis de 6 millóns de euros mensuais, segundo a FEGAMP, por asumir competencias impropias”, incidiu Ortega diante da UNIS Centro, na rúa Bernardo Cachamuíña, que pecharía tralo anuncio feito por Jácome.