Máis de 200 persoas daranse cita este domingo, 25 de xuño, na quinta edición da andaina solidaria Ruta Porta do Canón do Sil. A proba está organizada pola Asociación Cultural Os Xuncos e conta coa colaboración da Deputación de Ourense e o Concello de Xunqueira de Espadanedo. O recadado na andaina irá destinado á investigación do cancro infantil e a enfermidade de Duchenne.
O vicepresidente primeiro en funcións da Deputación, Rosendo Fernández, participou esta mañá no Pazo Provincial na presentación da proba acompañado polo alcalde de Xunqueira de Espadanedo, Carlos Gómez, e a presidenta da Asociación Cultural Os Xuncos, María Alonso.
A andaina comezará ás 09,00 horas do domingo e está deseñada para que os participantes poidan descubrir o patrimonio cultural e natural da Ribeira Sacra.
Existen dúas posibles rutas na proba. A primeira ten un percorrido de 17,21 quilómetros en plena Ribeira Sacra e segue un itinerario recentemente sinalizado e acondicionado. No traxecto conta con varios carteis de información, dous puntos de avituallamento e un par de miradoiros -“O banco” e “As cadeiras xigantes”-. O inicio e final do percorrido é o mosteiro de Santa María de Xunqueira de Espadanedo, un dos máis destacados da Ribeira Sacra. Esta edición tamén inclúe unha ruta de 8,5 quilómetros, máis accesible para todos os públicos e cun punto de avituallamento.
Segundo explican os organizadores, “o obxectivo da V Ruta Porta do Canón do Sil é fomentar o patrimonio natural e histórico do noso municipio, o sendeirismo, a vida sa e valores como o compañeirismo, o esforzo e o respecto pola natureza”. As inscricións estarán abertas ata o 25 de xuño -o prezo é de 12 euros- poderán realizarse no Concello de Xunqueira de Espadanedo de forma presencial, no teléfono 988 291 001 ou a través da súa plataforma web.