Atletismo

Ribadavia acolle tres importantes campionatos de campo a través

Máis de 1.300 atletas están chamados a tomar parte durante este sábado na importante xornada de Campionatos de Galicia de Campo a través que se desenvolverán no circuito da área recreativa de A Veronza do Concello de Ribadavia en xornada de mañá e tarde.

Óscar Gómez

Ourense | 27.01.2023 08:48

Ribadavia acolle tres importantes campionatos de campo a través
Ribadavia acolle tres importantes campionatos de campo a través | onda cero

A capital da comarca do Ribeiro, convértese novamente na sede dun gran acontecemento de campo a través como xa fixera en anos anteriores, recibindo nesta edición aos mellores especialistas galegos das categorías Sub10, Sub12, Sub14, Sub16, Sub18 e máster.

As primeiras probas arrincarán co memorial Alejandro Lorenzo reservado para as categorías base do atletismo galego dende as 10.45 ata as 11.50 horas. Nesta gran festa de menores do campo a través acuden atletas en representación de todas as delegacións e núcleos atléticos da nosa comunidade a quenes poderemos ver competir sobre as distancias dos 800 m. ata os 1.300 m. Toda unha boa oportunidade para seguir as evolucións dos gañadores e gañadoras do ano pasado: Claudia Alvarez e Antón Fernández da Atlética Lucense, Lena Curras do Vila de Cangas e Pablo Barreiro do C.D.Pinarium

Chegados ao medio día, e sobre as 12.10 horas, será o momento para á saída das categorías Sub18 e Sub16. Sobre esta última, figuran inscritas atletas importantes como é o caso de Sabela Castelo do San Miguel do Marín quen nun excelente estado de forma, loitará polos posto de podio xunto a ourensá Naroa Pereira do Pereiro de Aguiar, Carmen Martínez da Atlética Lucense ou Paula Fernández do S.D. Compostela entre outras. Nos homes o campión galego do ano pasado Alex Sierpes, a quen vimos recentemente ocupando o quinto posto no absoluto de pista cuberta nos 3.000 m., parte como claro favorito nunha proba na que xunto ao do Trega, poderían estar nos postos altos da clasificación o campión galego Sub14 do ano pasado José Manuel Arufe do Atletismo Noia ou o medalla de bronce da mesma cita, Hugo Collazo do Vila Cangas.

Na categoría Sub18 a gañadora galega Sub16 do ano pasado, Amparo Corredoira da Atlética Lucense, estará debutando nesta nova categoría onde se medirá a atletas importantes como á lucense Sara Guedes; Carmen Carrera do Ria Ferrol; Leyla Villar do Ourense Atletismo ou Irea Adriana Alén do Cedeira Muebles García entre outras. Nos homes, agárdase unha interesante carreira entre os medallistas do ano pasado Asheber Díaz do Real Club Celta e Teo de Frutos do Lucus Caixa Rural Galega, á que se poderían sumar Iker Fernández de A Gándara e Damián Suárez do Maderas Barcia Lourenzá.

Por último, a xornada de tarde estará reservada a partires das 16.00 horas para os atletas da categoría máster quenes estarán compitindo sobre unha distancia de 5.000 m. Entre a relación de inscritas e inscritos destacamos a presenza das campioas galegas 2022 Zelinda Spencer do Oviedo Atletismo na F35, Rebeca Soto do Atletismo Narón na F45 e de Paz Peña do Entrenarunning na F60.

Trofeo Laranxa de atletismo en Expourense

O vindeiro domingo 29 de xaneiro a pista cuberta de Expourense acollerá o I Trofeo Laranxa de Atletismo. A Asociación Oikea é a impulsora deste evento que contará coa estreita colaboración do Burgas Atletismo.

O inicio da competición está previsto para as 10:30 horas e terá unha duración de catro horas. Durante este tempo disputaranse as probas de 60m, 200m, 400m, 800m e 1500m tanto en categoría masculina como feminina. En cada unha das distancias haberá varias series para dar cabida a todos os deportistas inscritos.

A participación supera os 200 deportistas de toda Galicia. Ao remate da xornada farase entrega dun trofeo aos deportistas que acadaron a maior puntuación na categoría masculina e feminina. O principal atractivo desta proba é observar como os deportistas galegos van afinando a súa forma para os campionatos nacionais aos que se enfrontarán nas próximas semanas.