O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, abordou hoxe co alcalde de Viana do Bolo, Abelardo Carballo, proxectos de interese para o concello, entre os que se atopa a rehabilitación da praza de abastos para a que confirmou a implicación da Administración autonómica.
Ao respecto desta actuación, o máximo mandatario galego avalou a participación da Xunta de Galicia para que, entre outras medidas, se facilite con estas obras a accesibilidade entre os dous andares desta instalación cun ascensor e escaleiras mecánicas.
No encontro tamén se abordaron polo miúdo outras cuestións de importancia para a veciñanza do municipio, como a construción dun novo centro de día, dunha casa do maior ou a rehabilitación do campo da feira. En todas estas actuacións, o titular do Executivo galego transmitiulle o compromiso de Goberno autonómico de estudalas.
En concreto, Feijóo trasladoulle ao rexedor de Viana do Bolo a posibilidade de colaborar, se o concello o solicita, na construción do novo centro de día mediante o financiamento da obra a través dos fondos europeos. Aínda que a ese respecto, lembroulle que neste intre se está pendente dun novo informe técnico por parte de Inspección.
Por outra banda e dado que este concello carece de planeamento xeral, ambos abordaron a próxima redacción do Plan básico municipal, que se asinará a principios de 2022 cun custo estimado de 130.000 euros.
Finalmente, en materia de infraestruturas, Feijóo informoulle ao alcalde da previsión de licitar a execución das obras de reforzo do firme na OU-553 no primeiro trimestre de 2022 para a súa execución nese mesmo ano se hai dispoñibilidade orzamentaria.