O PSdeG-PSOE pedirá á Xunta que subvencione as tarifas dos servizos de media distancia Avant que unen Ourense e Santiago, co fin de igualar os prezos cos dos trens do Eixo Atlántico. Nunha iniciativa que se debaterá no pleno da Deputación Provincial de xuño, reclaman que, ao igual que fan outros gobernos autonómicos, o executivo de Núñez Feijóo tamén aporte fondos para minorar os custes deste billete –case un 70 % máis caro que o da costa galega–, acabando así cunha “discriminación ao interior de Galicia que xa dura unha década”.
A iniciativa tamén instará aos ministerios de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana e para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a colaborar na subvención a estes trens de media distancia, pola súa importancia para loitar contra o problema demográfico da provincia. Igualmente pedirase á entidade pública empresarial Renfe-Operadora, restablecer todas as frecuencias dos Avant entre Santiago e Ourense e no resto de liñas galegas, que viron recortados servizos ferroviarios por mor da pandemia.
O voceiro socialista, Rafa Villarino, asegurou desde a estación da terceira cidade de Galicia, que estamos ante unha “iniciativa de xustiza” para que “a expresión do tan manido reequilibrio territorial sexa realidade dunha vez”, xa que estamos ante un caso de “discriminación de Ourense” e de “falta de xustiza distributiva”. “Estamos a pagar case un 70 % máis do que se paga polo mesmo servizo na liña da costa”, advertiu.
Acompañado dos deputados e deputadas Nacho Gómez, Marga Pérez, Diego Fernández e Susana Rodríguez, o voceiro explicou que esta diferenza nos prezos “ten que ver cun movemento que fixo no seu día a exministra, Ana Pastor, quen eximiu á liña da costa galega do que si se fixo en todas as demais liñas de alta velocidade”. “Hoxe o goberno do Estado no pode facer o mesmo porque suporía crear novas discriminacións”, matizou Villarino quen cualificou a proposta dos socialistas como unha “medida realista” na “mesma liña e co mesmo esforzo que fará o goberno de Castela e León” e ao igual que xa fixo no pasado a propia Xunta.
Aquela decisión política do ano 2015, trala apertura do novo tramo ferroviario entre Santiago e Vigo, “abriu unha fenda co interior de Galicia” porque o ministerio acordou manter prezos de media distancia convencional nunha liña de alta velocidade “que emprega o mesmo modelo de tren e ten as mesmas prestacións que o de Ourense”, detallan.
Os socialistas recordan que o servizo ourensá xa é terceira relación con máis viaxeiros punto a punto da nosa comunidade autónoma. No ano 2019, último exercicio en normalidade, sumou 306.800 viaxeiros —uns 5.000 máis que o ano anterior—, estando por diante as relacións A Coruña-Santiago (1.187.300) e Santiago-Vigo (352.400). A súa vez, a relación Ourense-A Coruña deste mesmo servizo acumulou 187.400 viaxeiros en 2019. Polo tanto, case medio millón de persoas empregaron este Avant ao longo dese ano.
“Estamos ante unha cifra de usuarios e usuarias destacada, que podería ser maior se tarifas e abonos fosen máis asumibles”, aseguran os socialistas, xa que o traxecto entre Ourense e Compostela custa 17,7 € con billete sinxelo e 28,3 con ida e volta. Estas tarifas son as mesmas que Renfe aplica a todos os servizos Avant, xa que están estipuladas normativamente segundo o tipo de infraestrutura e material rodante, pero hai unha excepción: o Eixo Atlántico.
O PSdeG-PSOE tamén explicou que, unha vez rematado o estado de alarma e coa mobilidade practicamente normalizada, “xa é momento de retomar os servizos rexionais prepandemia que aínda non foron recuperados, como o Avant de primeira hora entre Ourense e Santiago”. “Non podemos quedar eternamente con frecuencias pandémicas”, aseveran. Dos 80 trens de media distancia que circulaban diariamente polas vías de Galicia ata marzo de 2020, Renfe-Operadora só restableceu a circulación de algo máis da metade.