Concello de ourense

O Psoe pide a peatonalización da cidade os domingos pola maña para fomentar a practica deportiva

Os socialistas instan ao Concello a seguir o exemplo de cidades a nivel galego, nacional e mundial e propoñen dúas posibles localizacións, un tramo da Avenida Ribeira Sacra e outro da rúa Progreso.

Subliñan que “namentres as cidades do mundo se fan para vivir, aquí están facendo que a vida marche da cidade” e apuntan que “queremos traer a vida a Ourense e que se estas alternativas se leven á práctica”.

Óscar Gómez

Ourense | 09.02.2022 12:26

O Psoe pide a peatonalización da cidade os domingos pola maña para fomentar a practica deportiva
O Psoe pide a peatonalización da cidade os domingos pola maña para fomentar a practica deportiva | onda cero

O PSdeG-PSOE de Ourense presenta unha iniciativa para o seu debate no pleno municipal deste próximo venres, na que insta ao Concello a aprobar, “de xeito inicial e experimental”, a peonalización e peche ao tráfico de vehículos privados a motor, os domingos e festivos, desde as 9:00 as 14:00 horas. Os socialistas propoñen dúas posibles localizacións para realizar esta actuación, a primeira na rúa Progreso, entre o tramo comprendido entre as rotondas de Concepción Arenal e o cruce do Xardín do Posío con Marcelo Macías e unha segunda na Avenida Ribeira Sacra, no tramo entre as rotondas de Pablo Iglesias e a Ponte do Milenio.

Dende o Grupo Municipal Socialista remarcan que esta iniciativa pretende “buscar alternativas, rápidas e co menor custo posible para a humanización da cidade de Ourense, na que se contribúa a crear entornas e hábitos saudables entre a poboación”. Pos este motivo avogan pola “peonalización” de rúas durante determinadas horas da fin de semana para “reservalas para a práctica deportiva, o paseo a pé ou en bicicleta, tanto individual como grupal ou familiar”. Os socialistas esgrimen que a diferencia doutras cidades como A Coruña, Vigo, Donostia ou Madrid, Ourense “aínda non conta con ningunha iniciativa neste senso a día de hoxe, pese a tratarse dunha capital que, desde logo, ofrece moitísimos menos problemas, en canto a tráfico e poboación, que calquera das restantes cidades galegas”.

En consecuencia, desde o PSdeG-PSOE de Ourense consideran que “chegou o momento de planear unha solución inmediata e sen custe engadido, ao fío do acontecido durante os últimos anos noutras cidades galegas, do resto do Estado e dalgunhas capitais máis poboadas doutros países coma Bogotá, Sao Paulo, Cidade de México, Bos Aires, París ou Milán”. Tras consultar con diversos colectivos e autoridades implicadas no regulamento do tráfico, os socialistas concordan en que “as dúas posibles alternativas viables para este peche experimental de tráfico a motor son tanto a rúa Progreso, cun percorrido de 1,3 quilómetros, como a Avenida Ribeira Sacra, cun trazado de 1,1 quilómetros”.

Para o concelleiro do PSdeG-PSOE de Ourense, Xosé Rúas, esta peonalización, que nunha primeira fase “propoñemos de xeito experimental” permitirá que Ourense “siga o exemplo de grandes capitais mundiais e incluso de cidades como A Coruña ou Vigo, que contan con rúas peonís na fin de semana, tanto sábados pola tarde como os domingos”. O concelleiro socialista pon como exemplos a peonalización da rúa San Andrés, na Coruña, máis 70 rúas na cidade de Vigo, o Paseo da Concha en Donostia, varios puntos do centro de Madrid, e incluso “cidades das máis poboadas do mundo en Latinoamérica”. O edil pregúntase que “se isto se pode facer en cidades moito máis poboadas que Ourense, porque non se fixo ata o de agora na nosa cidade?”.

Pola súa banda, o voceiro do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, apunta que “o que parece que é unha utopía na nosa cidade, realízase noutros lugares do mundo”. O líder dos socialistas ourensáns afirma que en “Ourense temos lugares que estaban protexidos para os peóns e que agora están penalizados polos automóbiles que circulan polo casco vello, xusto ao contrario do que acontece no resto do mundo”. O secretario provincial tamén fai fincapé en que “namentres as cidades do resto do mundo se fan para vivir, aquí están facendo que a vida se vaia da cidade” e finaliza subliñando que “queremos traer a vida a Ourense e vai sendo hora de que estas alternativas se leven á práctica, o custe é mínimo e o único que fai falta é vontade política”.