Concello de ourense

O Psoe pide mais axudas municipales para material escolar no próximo curso

Villarino denunciou que a Xunta e o Concello de Ourense “abandonan as familias diante do inicio de curso máis caro da historia”, cun custe medio nos centros públicos e concertados superior aos 480 euros.

Óscar Gómez

Ourense | 05.10.2022 08:08

O Psoe demanda mais axudas para material escolar no próximo curso
O Psoe demanda mais axudas para material escolar no próximo curso | onda cero

O PSdeG-PSOE da cidade levará ao pleno municipal deste venres unha moción na que reclama “xustiza para as familias ourensás” no acceso e reparto das axudas municipais destinadas a material didáctico e comedor do vindeiro curso 2023-2024, logo de que 124 solicitantes quedaran fóra das subvencións do Concello para o presente período escolar, algo que tachan de “incomprensible” na situación de crise económica global.

“Mentres o Goberno do Estado está a incrementar o orzamento en educación, cunha nova partida de 58,8 millóns de euros para as CCAA destinada a axudar ás familias na adquisición de libros e materiais escolares, a Xunta e o Concello van no sentido contrario nun momento tan delicado coma o actual, coa crise que estamos a padecer”, lamentou o edil Xosé Rúas, quen fixo fincapé en que “a diferenza dos gobernos local e autonómico, o Goberno central socialista si que é consciente da necesidade de investir en educación, na base do noso futuro”.

Dende o grupo socialista lembran que as familias están a afrontar o novo curso cunha notable perda de poder adquisitivo debido ao incremento xeneralizado dos prezos en toda Europa, derivado da guerra de Putin en Ucraína e as súas consecuencias sobre o valor da enerxía e das subministracións, no que ademais deben facer fronte aos “elevadísimos custos” do inicio de curso escolar.

Neste sentido, o voceiro socialista, Rafa Villarino, denunciou que a Xunta e o Concello de Ourense “abandonan as familias diante do inicio de curso máis caro da historia”, cun custe medio nos centros públicos e concertados superior aos 480 euros por neno ou nena en libros e material escolar.

“Cando a inversión media por cativo escolarizado ronda a día de hoxe os 500 euros, as axudas da Xunta andan arredor dos 50 euros para rendas inferiores a 6000 euros, e no Concello quedaron arredor do 40 % das familias solicitantes fóra por superaren o mínimo estipulado de 3700 euros de renda anual” abundou Rúas.

A este respecto, Villarino manifestou a necesidade de modificar para o vindeiro curso as bases destas axudas, que tachan de “innecesariamente restritivas e desfasadas” en relación ás circunstancias actuais. “Cun limiar de 3700 euros ao ano por familia estamos a falar de 308 euros ao mes, unha renda que deixa fóra a moitas familias que realmente precisan esas axudas”, salientou o socialista.

Recuperar a gratuidade universal dos libros

Ademais, na mesma moción esixen que a Xunta de Galicia recupere o sistema de gratuidade universal dos libros de texto, implantada polo goberno bipartito, e derrogado polo expresidente Feijoo durante o seu primeiro mandato autonómico, “do que tamén formaba parte o actual presidente, Alfonso Rueda”, destacan.

Dende o grupo socialista lembran que a gratuidade dos libros para todos os usuarios e usuarias dos centros educativos é unha medida que a día de hoxe segue vixente en comunidades como Andalucía, Valencia ou Navarra, onde “as familias están protexidas fronte aos efectos da inflación no acceso a un dereito tan básico como é a educación”.

“Os datos din que hoxe en día temos unha educación peor en Galicia que hai dez anos, cun Partido Popular que pecha aulas, reduce o número de docentes, aumenta as ratios e degrada a oferta educativa mentres tenta convencernos de que a causa é a crise, cando realmente foron eles e as súas políticas os causantes de tal empeoramento”, conclúen.