Ourense Cidade

O Concello reabrirá ao público esta semana a zona termal gratuíta de Outariz

Contratará cunha nova empresa para que preste o servizo de atención e control e subrogue o persoal actual.

Óscar Gómez

Ourense | 18.10.2023 07:57

O Psoe califica o peche das termas de Outariz como a "Crónica dun colapso anunciado"
O Psoe califica o peche das termas de Outariz como a "Crónica dun colapso anunciado" | onda cero

O contrato do servizo de atención, control, e prestación de primeiros auxilios das termas de Burgas de Canedo e Outariz, foille adxudicado á empresa Printes Security Advice S.L. e formalizado o día 16 de novembro de 2022, aínda que a prestación do servizo non se iniciou até o día 15 de marzo de 2023. Por acordo das dúas partes, o día 18 de maio aprobouse unha modificación do contrato que cambiaba o prezo por hora (que pasou de 13,55 a 14,74 euros).

O servizo prestouse con normalidade ata que o día 4 de outubro, a empresa presentou un escrito no que lle solicitaba ao Concello a resolución do contrato nun prazo de 15 días naturais. Porén, cómpre subliñar que esta comunicación non ten como consecuencia a rescisión automática do contrato xa que, de acordo coa lexislación vixente, unha empresa contratista dun servizo municipal non pode rescindir unilateralmente o contrato, e só o Concello é competente para, de ser o caso, acordar e autorizar a extinción. Tampouco existe ningún prazo de 15 días (que en calquera caso aínda estaría aberto a día de hoxe) que comprometa ao Concello a atender esta solicitude.

Tras recibir o escrito, a área de Termalismo do Concello intentou pórse en contacto coa empresa Printes por teléfono e por correo electrónico, resultando infrutuosos os intentos.

O 9 de outubro, un traballador puxo en coñecemento do Concello que nos últimos meses se produciran atrasos e impagos de nóminas por parte da empresa. No día de onte, luns, 16, o traballador engade que a empresa lle comunicara ao persoal o seu despido (incumprindo as obrigas de preaviso que establece a lexislación laboral).

Na mesma xornada de onte, ás 13.40 horas, a empresa Printes comunícalle ao Concello a información relativa ás nóminas do seu persoal e a débeda que mantén coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social, unha información que é necesaria para poder rescindirlle o contrato e contratar unha nova empresa que subrogue os traballadores e manteña a continuidade do servizo.

Á vista da situación, o Concello procederá á extinción do contrato e a adxudicación dun novo á maior brevidade posible.O Concello velará porque o persoal cobre integramente as súas nóminas e resérvase a posibilidade de incautar o aval presentado pola empresa para a adxudicación do contrato, e detraerlles as cantidades que lles adebeden. Cómpre engadir que o Concello está ao día nos pagos á empresa: todas as facturas foron abonadas en tempo e forma, agás a do mes de setembro, porque non foi presentada aínda.

Os socialistas cualifican como "Cronica dun colapso anunciado" o peche das termas de Outariz

O grupo municipal socialista do Concello de Ourense lamenta a improvisación continua e o deslexo ao que o Executivo de Jácome somete un dos bens naturais e turísticos más prezados da cidade e a súa contorna. “A desorde resulta evidente xunto coa complicidade do Partido Popular que non foi quen de interpelar nin unha soa vez aos concelleiros do alcalde sobre cuestións relacionadas coa xestión termal”, criticou o edil José Ángel Vázquez Barquero.

Todo despois de coñecerse, por outra banda, que a empresa xestora das termas públicas de Outariz renunciaba onte a continuar cos labores que desenvolvía e rescindía o contrato dos empregados que vixiaban o recinto. Para as e os socialistas isto non é máis que “a crónica dun colapso anunciado” ante unha piscina das Burgas cuxas obras e reapertura van con retraso, una rehabilitación do Tinteiro que eliminou os pediluvios e deixou unha fonte que bota auga morna e unas termas públicas que antes de saberse o peche anunciado hoxe xa funcionaban a medio gas.

mutis por el foro

Vázquez Barquero afirmou que, mentres a oposición realizou máis de 60 preguntas nas xuntas de área –para exercer a súa función natural de control– o Goberno de Jácome fixo ‘mutis por el foro’. “Consúmase o caos na capital termal de Galicia e a anarquía campa as súas anchas”, rematou desexando que o anuncio do rexedor de reabrir o espazo esta mesma semana chegue a bo término e non sexa outra máis das centos de promesas incumpridas por Democacia Orensana.