Ourense Cidade

Ourense será a primeira cidade galega en incorporar autobuses eléctricos ao servizo de transporte urbano

O alcalde presentou os modelos dos novos vehículos (15 térmicos e 10 eléctricos) que chegarán en primavera, os buses están deseñados e fabricados ao 100% en Ourense, pola empresa UNVI. A renovación total da flota completarase con outros 15 microbuses.

Óscar Gómez

Ourense | 27.01.2023 13:47

Ourense será a primeira cidade galega en incorporar autobuses eléctricos ao servizo de transporte urbano
Ourense será a primeira cidade galega en incorporar autobuses eléctricos ao servizo de transporte urbano | onda cero

Ourense será a primeira cidade galega en contar con autobuses eléctricos no seu servizo de transporte urbano. O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome presentou os modelos dos 25 vehículos (15 térmicos e 10 eléctricos) que se incorporarán esta primavera ao servizo municipal. As unidades serán subministradas pola empresa ourensá UNVI. Ao acto asistiron tamén o concelleiro de Seguridade Cidadá, Telmo Ucha e o xerente da empresa, Javier González. A adquisición destas unidades forma parte da renovación total da flota dos autobuses urbanos, á que o Concello destina un investimento de 14 millóns de euros. Nela se inclúe a compra doutros 15 microbuses, que circularán tamén pola cidade esta primavera.

flota máis moderna de Galicia

O alcalde destacou que coa adquisición dos novos vehículos, Ourense contará coa “flota máis moderna de Galicia”, e será ademais “a primera cidade galega en ter autobuses eléctricos, feitos ademais por unha empresa totalmente ourensá, UNVI, que dá emprego a 200 persoas de forma directa en Ourense e a máis de 50 de forma indirecta”. Unha firma, dixo, líder no sector, que xa subministrou os primeiros autobuses 100% eléctricos nos últimos 5 anos a cidades como París, Londres, Bruxelas e Amsterdam.

Pérez Jácome destacou as prestacións técnicas dos novos vehículos en canto a potencia, seguridade, freada ou autonomía (16 horas cunha soa carga), que sitúan Ourense “na vangarda de Galicia”. Os autobuses circularán pola cidade en primavera, sen agardar á adxudicación da próxima concesión do servizo municipal.

Pola súa banda, o xerente de UNVI, Javier González asegurou que para a empresa ourensá “é un orgullo ser profetas na nosa cidade, aportamos uns autobuses cos últimos avances tecnolóxicos que hai actualmente no sector, desde axudas á conducción para os choferes, detección de peóns, freadas de emerxencia, etc”. É un orgullo que a nosa cidade nos sirva tamén de publicidade para vender noutros lares”.

Os autobuses contan coa máxima tecnoloxía embarcada, a máis eficiente do mercado, reducen a pegada de carbono, con cero emisións durante o seu funcionamento e un incremento do confort dos pasaxeiros e dos condutores, así como do resto de cidadáns pola ausencia de ruidos e fumes. As principais características técnicas dos autobuses son:

Sistemas de seguridade para pasaxeiros, condutores e viandantes, de última tecnoloxía. Entre eles:

sistemas de axuda ao condutor con cámaras para alertar de peóns, bicicletas e avisos de angulo morto

sistemas de vixilancia con cámaras

sistemas de detección e extinción de incendios, en zonas de baterías e motores

Pantalla TFT de 12 polgadas para o condutor, con posibilidade de configurar para varios idiomas, informando do grao de condución ecoeficiente do condutor ao instante

Freada rexenerativa adaptativa de ate o 50% de recuperación ás baterías

Freada combinada por pedal de freo e panca ralentizadora en volante, mellorando a ergonomía do condutor

Motores en roda, sen transmisión, de máxima eficiencia, os máis modernos do mercado

Potencia máxima de 400 kW ou 544 CV, o máis potente do mercado

Baterías de última xeneración con refrixeración controlada para ter máis durabilidade e seguridade

Capacidade enerxética de baterías nominal de 434 kWh

Autonomía de 16 h cunha soa carga

Sistema de climatización 100% eléctrico por bomba de calor, o máis eficiente do mercado, con aproveitamento do calor ao refrixerar os equipos eléctricos como os motores e as baterías.