As obras de mellora da seguridade viaria e da mobilidade en Seixalbo, no concello de Ourense, fan necesarios cambios no tráfico a partir deste mércores, día 2 de febreiro, para a execución da nova glorieta no acceso á rúa Canizo.
O avance dos traballos require, agora mesmo, a intervención sobre a propia estrada OU-105 para executar a nova glorieta na entorna da rúa Canizo, que mellorará os accesos ao tanatorio e ás nave industriais da zona. Para iso é preciso realizar un desvío provisional do tráfico, durante un tempo estimado de dúas semanas. Deste xeito, os vehículos que saen de Ourense cara a Seixalbo terán que circular póla rúa Canizo durante uns 200 metros antes de incorporarse de novo á estrada OU-105.
Pola súa banda, os vehículos que entren a Ourense aproveitarán parte da nova glorieta xa construída pola que os vehículos poderán circular, neste sentido, sen impedimentos. O acceso ás naves industriais e ao tanatorio quedará aberto, ao igual que ata o de agora, excepto no caso do tráfico de retorno cara a Ourense, que deberá dirixirse a Seixalbo e realizar o xiro a 400 metros.
As obras, case 1M€
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade continúa avanzando nos traballos desta 2ª fase de mellora da seguridade viaria na estrada autonómica OU-105 en Seixalbo, obras iniciadas a finais de maio do pasado ano na contorna do tanatorio e que supoñen un investimento de case 1 millón de euros.
En conxunto, o grado de execución dos traballos acada o 60%, e xa se teñen realizado as partes máis complexas da actuación, que se estima poder ter finalizada nun prazo aproximado de dous meses.
Xa se realizou a reposición dos servizos urbanos soterrados de abastecemento, saneamento, augas pluviais, electricidade e semaforización. Está operativa tamén boa parte da senda peonil e as novas ubicacións das paradas de bus.
Na actualidade estanse facendo traballos de instalación eléctrica de cableado e luminarias novas, ademais da colocación dos sistemas de contención de vehículos.
Esta nova actuación do departamento que dirixe Ethel Vázquez en Ourense ten por obxectivo completar a reforma integral da OU-105, en Seixalbo, con novos traballos que implican a reordenación da sección transversal da estrada para optimizar a circulación dos peóns e do tráfico rodado, actuando nun treito de 350 metros.
Os traballos previstos recollen a execución da glorieta de 36 metros de diámetro para o acceso á rúa Canizo e tamén a mellora do acceso ao tanatorio por esa mesma rúa, con carril central de espera para favorecer os xiros á esquerda. Ademais, a rúa Canizo deixarase de sentido único desde o seu inicio ata o tanatorio, e de dobre sentido desde o acceso ao tanatorio á nova glorieta.
Estas obras permitirán optimizar a mobilidade na entrada e saída da rúa Canizo, dispoñendo unha senda na marxe dereita desta rúa ata a súa conexión coa estrada autonómica, habilitando beirarrúas e adaptando os pasos de peóns para que sexan accesibles.
Tamén se acomete un paso de peóns con iluminación específica e regulación semafórica para dar continuidade aos percorridos peonís e poder acceder á parada de autobús en dirección a Ourense, ademais de dúas paradas de autobús asociadas aos pasos de peóns. Os traballos complétanse coa mellora dos firmes e pavimentos, xunto co alumeado, saneamento e drenaxe, sinalización e balizamento en todo o treito da actuación.
Esta actuación súmase á intervención xa realizada en 2019 nun treito de 1,5 quilómetros, entre a zona do tanatorio e O Cumial, na que se executou unha nova glorieta no acceso principal a Seixalbo e se eliminou o terceiro carril para calmar o tráfico.
Tamén se melloraron os pasos de peóns e instaláronse novas marquesiñas para as paradas de bus. Actuouse nas beirarrúas e habilitáronse sendas en ambas as marxes, no teito final, incidindo na traza do Camiño de Santiago. A Xunta está a mobilizar nas dúas fases 1,8 millóns de euros no reforzo da seguridade e da accesibilidade, que contribúen á posta en valor do barrio e da cidade.