Cultura

A novena edición da ICC Week deixa en Ourense unha pegada cultural e creativa

Manuel Baltar entende que “o éxito estaba garantido” grazas a unha programación que, coordinada por Juan Rivas, ofreceu máis de vinte propostas con novidosos aspectos como a intelixencia artificial.

Óscar Gómez

Ourense | 24.04.2023 13:45

A novena edición da ICC Week deixa en Ourense unha pegada cultural e creativa
A novena edición da ICC Week deixa en Ourense unha pegada cultural e creativa | onda cero

O Presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, expresa a súa satisfacción polo éxito de público e participación na novena edición da ICC Week, que desde o día 17 e ata onte domingo desenvolveu unha ampla e variada programación que deixou na provincia e na capital unha forte pegada cultural e creativa. Unha proposta que, en palabras de Manuel Baltar, “vai seguir tendo futuro pola firme aposta da Deputación”, institución organizadora deste evento.

Manuel Baltar entende que “o éxito estaba garantido” grazas a unha programación que, coordinada por Juan Rivas, ofreceu máis de vinte propostas en aspectos tan variados como a intelixencia artificial, a ilustración, ciencia, o sector audiovisual, a música, moda, radio ou os deportes electrónicos. Sete días de actividades que reuniron nunha ducia de localizacións da cidade e da provincia a preto de trinta relatores, ofreceu ata cinco concertos de música, dúas estreas audiovisuais e congregou a representantes de 14 países no XIII Congreso Internacional de Asociacións Xacobeas.

A Semana das Industrias Culturais e Creativas pechaba a novena edición onte domingo no pavillón do colexio Mestre Vide da cidade, onde unha ampla representación da mocidade ourensá participou esta fin de semana na ICC eSports. Unha cita cos deportes electrónicos combinando a competición e maila exhibición con oito novos talentos de toda España, ademais de torneos abertos a todos os asistentes e xogo libre en diferentes plataformas.

Con anterioridade, numeroso público congregouse nos xardíns do Padre Feijoó da capital para escoitar a música pop, fusión e blues de Vera Fauna, Amparo Sánchez e The Limboos, capítulo musical no que tamén destacou a presenza do que fora o líder do inolvidable conxunto Cadillac, José María Guzman, e o concerto de Teo Cardalda e Soledad Gimenez coa estrea incluída do videoclip “Agua Soy”, que percorre zonas de provincia vinculadas á auga e o termalismo e que contou na súa produción coa colaboración da Deputación. No mundo musical cómpre destacar ademais a presenza en Ourense do presidente de Sony Music España, José María Barbat, para falar do proceso de lanzamento de éxitos.

Profesionais de renome no mundo da radio

Proba do destacado nivel da programación nesta ICC Week foi o capítulo dedicado a un medio de comunicación básico nas sociedades pasadas, presentes e futuras como a radio, incluíndo a emisión desde Ourense dun programa de alcance nacional como “Más de uno” de Onda Cero, dirixido e presentado por Carlos Alsina. Tamén ofreceron ao público a súa visión sobre o mundo da radio en Ourense profesionais da talla de Pepa Fernández, Nora Sola e Moncho Blanco, ademais dunha edición especial do Foro La Región para abordar o fenómeno de Rock FM coa participación do xornalista e produtor Vicente “Mariskal” Romero, acompañado por directivos da emisora como Jorge Vileilla e Rodrigo Contreras.

Nunha edición que volveu converter a Ourense en capital do cinema coa Premier galega da película Honeymoon, dirixida polo coruñés Enrique Otero e protagonizada por Nathalie Poza e Javier Gutiérrez, unha das novidades deste ano na programación da ICC Week estivo no tratamento da Intelixencia Artificial e as súas aplicacións na sociedade actual, cunha experta de renome como Gemma Galdón, “e xunto coa alianza co campus universitario e coa Escola Superior de Enxeñaría Informática”, destaca Manuel Baltar.

Especialistas de primeira fila en ciencia, moda e xestión cultural

José Manuel Nieves, colaborador habitual do programa de televisión Cuarto Milenio; a o deseñador Modesto Lomba; a consultora en moda e sostibilidade Charo Izquierdo; a directora xeral da Asociación de Creadores de Moda de España (ACME), Pepa Bueno; o director de arte de Carolina Herrera e Purificación García, Gonzalo Muiño; os promotores do proxecto Sande Edo Savikovic e María Rodríguez; ou o humorista e influencer Xurxo Carreño permiten subliñar o elevado nivel do panel de temas e expertos desta nova ICC Week, na que tamén participaron para falar de xestión cultural o director artístico do Museo Picasso de Málaga, José Lebrero; o director do Festival de Cine de Málaga, Juan Antonio Vigar; a xestora cultural Cecilia Pereira; e o director do programa de xestión cultural da Universidade de Barcelona, Lluís Bonet.