Teatro

A Miteu atrae a compañias nacionais e internacionais na sua 26ª edición

Este ano se celebra entre o 1 e o 15 de xullo con 24 representacións de diferentes compañias en espazos singulares de Ourense

Óscar Gómez

Ourense | 22.06.2021 12:33

A Miteu atrae a compañias nacionais e internacionais na sua 26ª edición
A Miteu atrae a compañias nacionais e internacionais na sua 26ª edición | La voz de galicia

O secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo, participou na presentación da vixésimo sexta edición da Mostra de Teatro Universitario (MITEU) de Ourense, unha cita que este ano se celebra entre o día 1 e o 15 de xullo con 24 representacións en espazos singulares da cidade de Ourense como a Biblioteca Nós, o Teatro Principal ou o Liceo. Trátase dunha actividade que conta co apoio da Xunta para ofrecer unha oferta cultural segura e de calidade que colabore na difusión do teatro universitario e profesional.

Durante o acto de presentación, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade salientou a capacidade da mostra para fomentar a cultura na cidade das Burgas ao tempo que atrae a compañías nacionais e internacionais. Nesta liña, Anxo M. Lorenzo destacou que durante 15 días a cidade se converterá nun lugar de encontro para intérpretes, directores e artistas chegados de diferentes lugares do mundo.

Así, tal e como se avanzou na rolda de prensa, participarán na edición deste ano compañías universitarias e profesionais de Galicia, do resto de España e de países do exterior como Portugal, Italia ou Arxentina que ofrecerán preto de 25 representacións, a meirande parte de acceso gratuíto, de diversos xéneros e estilos en lugares como o Teatro Principal, a Biblioteca Nós, os xardíns das Burgas, a praza do Auditorio, ou o Liceo, entre outros.

Os encargados de abrir a programación o xoves día 1 serán o grupo galego Rosaura, da Aula Universitaria de Ourense; Irene de Paz, de Andalucía, e Armazém Aério, de Lisboa. Os dous primeiros espectáculos, de entrada gratuíta, serán ás 19,30 e 20,15 horas, respectivamente, na praza da Biblioteca. Armazém Aério, pola súa banda, ofrecerá a representación Rótulo no Teatro Principal, a partir das 21,00 horas.

Como peche do programa, o xoves día 15, ás 21,00 horas, clausuarase a mostra coa obra Aínda que siga brillando a lúa que correrá a cargo da compañía Mariacastaña da Aula Universitaria de Ourense