A Xunta de Galicia está a financiar en colaboración co concello obras de mellora no centro de día para persoas maiores de Xinzo de Limia, pertencente á rede pública autonómica. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, acompañado do delegado territorial en Ourense, Gabriel Alén, e do alcalde, Amador Díaz Penín, comprobaron hoxe o avance nos traballos que se están a executar e que supoñen un investimento de preto de 60.000 euros.
O obxectivo principal destas obras é atallar os problemas derivados da humidade que padece o inmoble, para o que se está a actuar na cuberta e nas fachadas co fin de protexelo da auga da chuvia. Ademais de mellorar a cuberta, estruturas, pavimentos e do pintado, a intervención tamén contempla a limpeza de fachadas, a substitución do revestimento as paredes deteriorado e solucións puntuais de infiltracións en puntos concretos do edificio.
Ao centro de día de Xinzo de Limia acoden diariamente unha trintena de usuarios e comezou a súa actividade no ano 2010, ofrecendo desde entón atención terapéutica integral ás persoas maiores do municipio e dos concellos limítrofes.
Escola infantil
Perfecto Rodríguez explicou que o Consorcio programa ao longo de todo o ano obras de mellora e mantemento na súa rede de centros públicos: escolas infantís, residencias, vivendas comunitarias e centros de día. A finalidade de todas estas actuacións é que as persoas usuarias destes centros, os seus familiares e o persoal dispoñan de infraestruturas de calidade, funcionais e cómodas.
Neste sentido, avanzou que o Consorcio tamén realizará actuacións de mellora na escola infantil da localidade, que depende da Xunta de Galicia. Os técnicos do ente autonómico e do concello están nestes momentos a planificar as obras que se acometerán neste centro o vindeiro verán, unha vez que remate este curso escolar para que non interfiran na actividade diaria da escola.