Infraestructuras

Máis de 70.000 € para mellora do abastecemento do Concello de San Amaro

Gabriel Alén subliñou que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade a través de Augas de Galicia, destina preto de 9 millóns de euros para apoiar 217 actuacións cunha poboación igual ou inferior aos 5.000 habitantes.

Óscar Gómez

Ourense | 10.12.2021 08:15

Máis de 70.000 € para mellora do abastecemento do Concello de San Amaro
Máis de 70.000 € para mellora do abastecemento do Concello de San Amaro | onda cero

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou o concello de San Amaro, onde mantivo un encontro co seu alcalde, Fernando Redondo, para analizar e facer repaso dos grandes proxectos e necesidades que dependen da Xunta de Galicia, entre elas, a cuberta do Centro de Saúde.

Tras a reunión, o delegado territorial visitou as obras de mellora do abastecemento e do sistema de depuración que se están a desenvolver grazas ás axudas concedidas pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, por importe superior aos 70.000 €. Concretamente, a Xunta concedeu ao Concello de San Amaro unha axuda de máis de 21.000 euros para a mellora do abastecemento no municipio; e outra por importe de 49.210 euros para a conexión da rede de saneamento e depuración do lugar das Viñas á rede das Casas Novas.

O delegado territorial explicou que na provincia de Ourense 67 concellos percibiron 95 axudas destinadas a mellorar estes servizos de competencia municipal, das que 46 están destinadas a optimizar o funcionamento do abastecemento municipal e 49 á modernización, eficiencia e eficacia no saneamento e depuración. Gabriel Alén salientou que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade outorgou nunha primeira quenda 105 axudas a 83 concellos para executar obras de abastecemento, saneamento e depuración, cun investimento global que rolda os 4 millóns de euros, ampliando en preto de 5 millóns de euros as axudas e permitindo outras 112 novas actuacións de saneamento e abastecemento en 87 concellos.

Deste xeito, o Goberno galego, a través de Augas de Galicia, destina nestas dúas quendas preto de 9 millóns de euros para apoiar 217 actuacións en 152 municipios cunha poboación igual ou inferior aos 5.000 habitantes e garantir o mellor funcionamento destes servizos de competencia local.

O límite máximo das axudas foi de 50.000 euros por solicitude, sendo compatibles ambas as liñas de actuación. Os concellos tiveron a opción de presentar dúas solicitudes, unha referida a actuacións en sistemas de abastecemento e outra para actuacións en sistemas de saneamento e depuración.

Estes incentivos, compatibles con outras axudas, subvencionan os investimentos realizados desde o 1 de xaneiro deste ano e inclúen, tanto os investimentos realizados na execución das propias obras, como os gastos asociados a elas en materia de actividades preventivas e accións de coordinación empresarial, de control de calidade ou de dirección dos traballos.

A Xunta segue a traballar cos concellos apoiándoos na adopción de medidas que garantan o mellor funcionamento dos servizos da auga, de competencia municipal, que redundan na calidade de vida dos veciños dos municipios máis pequenos de Galicia.

Esta actuación da Xunta conta co financiamento do eixo REACT-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.