A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, presidiu no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) a entrega dos premios do concurso escolar de carteis que cada ano convoca a Xunta de Galicia con motivo do Día internacional da muller. No acto, Lorenzana reivindicou o papel da mocidade como “embaixadora” da igualdade en Galicia, un rol que cobra inda máis importancia por ostentalo persoas que, pola súa idade, teñen unha visión do mundo inda “sen tabús, sen estigmas nin dobres morais”.
Na actual edición presentáronse 57 traballos, dos que resultaron gañadoras as propostas de centros de Guitiriz (Lugo), Arteixo (A Coruña) e do Porriño (Pontevedra). Tanto as creacións que quedaron nos primeiros postos, como as dos segundos -que recaeron en centros de Pontevedra, Vigo e Chantada (Lugo)- nas tres categorías convocadas, ilustran a campaña que polo 8-M está a desenvolver a Xunta para divulgar o lema que tamén saíu do certame: A igualdade está nas nosas mans.
Lorenzana destacou a calidade das propostas “con mensaxes importantes, orixinais e creativas”, e agradeceu ás persoas docentes que acompañaron no proceso por formar ás rapazas e rapaces na igualdade de dereitos e de oportunidades sen discriminación de ningún tipo por razón de xénero.
“Gustaríame referirme a todos vós como grandes protagonistas e embaixadores da igualdade en Galicia”, dixo a conselleira ás mozas e mozos presentes.
Co concurso a Xunta busca cada ano fomentar a reflexión sobre as desigualdades que aínda persisten entre mulleres e homes e facelo desde unha perspectiva diferente, a dos máis pequenos e a mocidade, “porque vós tedes unha forma de ver o mundo máis auténtica: sen tabús, sen estigmas nin dobres morais”, remarcou Lorenzana.
A conselleira aproveitou a conmemoración do 8-M cos escolares, para poñer en valor que o sistema educativo galego foi un dos primeiros de Europa en incluír dúas materias de libre configuración sobre igualdade, en 1º e 2º de Educación Secundaria Obrigatoria e para o alumnado de Bacharelato. Galicia tamén conta desde o ano 2020 cunha guía de actuación ante casos de violencia de xénero no ámbito educativo, e foi a primeira comunidade en ter un protocolo para a prevención, detección e intervención do ciberacoso.
Na mesma liña, relatou a conselleira, o Goberno galego ofrece actividades e materiais didácticos para traballar pola igualdade e na loita contra a violencia de xénero desde as aulas como, por exemplo, a Guía de literatura infantil e xuvenil para a promoción da igualdade; o proxecto Aprende coas mulleres galegas; ou o Plan Proxecta Donas de si, para a divulgación de mulleres destacadas na historia.
“Froito de todo ese esforzo, o informe PISA avala que o alumnado galego está nos postos de cabeza da Unión Europea en cuestións tan fundamentais como a tolerancia e o respecto; é dicir, a educación galega sobresae non só en matemáticas, ciencias ou lectura, tamén o fai en valores como o ben común, a sostenibilidade e a igualdade”, fixo fincapé Lorenzana, quen rematou a súa intervención animando ás rapazas e rapaces a seguir traballando “por facer viral a loita pola igualdade os 365 días do ano”.
Premiados
Na actual edición do concurso de carteis do 8-M, alzouse co 1º posto na categoría para Infantil, 1º, 2º, 3º e 4º de Primaria o CEIP Lagostelle de Guitiriz (Lugo) e, en segundo lugar, foi recoñecido o traballo do CEIP Marcón de Pontevedra.
Na categoría de 5º e 6º de Primaria e 1º e 2º de ESO o primeiro premio foi para o grupo de Educación Especial do CPR Agarimo de Arteixo (A Coruña) e o segundo recaeu no CEP Doutor Fleming de Vigo.
O traballo do IES Ribeira do Louro do Porriño (Pontevedra), pola súa banda, recibiu o primeiro premio na 3º categoría dirixida a estudantes de 3º e 4º de ESO, Bacharelato e FP, mentres o IES Val do Asma de Chantada (Lugo) quedou no segundo lugar.