Infraestructuras

Licitación de novas sendas na provinicia de Ourense

Ethel Vázquez destaca o investimento da Xutna de 1,1 M€ nas sendas das Vendas e Santa Baia, en Esgos e no Pereiro de Aguiar, co obxetivo de rematalas na primavera de 2023

Óscar Gómez

Ourense | 19.04.2022 09:52

Licitación de novas sendas na provinicia de Ourense
Licitación de novas sendas na provinicia de Ourense | onda cero

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou o investimento da Xunta de 1,1 millón de euros nas sendas das Vendas e Santa Baia, nos concellos de Esgos e do Pereiro de Aguiar.

Vázquez Mourelle, xunto co presidente da Deputación Provincial de Ourense, Manuel Baltar, e o delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén, achegouse hoxe ata Esgos para informar deste novo paso administrativo para executar estes novos itinerarios pola marxe esquerda da vía autonómica OU-536, que sumarán algo máis de 3 km de lonxitude, ao seu paso por estes municipios ourensáns.

As empresas interesadas na execución dos traballos teñen de prazo ata o 16 de maio para presentar as súas ofertas. Tal e como avanzou a conselleira o obxectivo da Xunta é iniciar as obras, que contan cun prazo de execución de 6 meses, a comezo de outono. A intervención está financiada con fondos europeos FEDER do programa operativo 2014-2020.

Segundo destacou a titular de Infraestruturas e Mobilidade, esta nova intervención da Xunta prioriza o reforzo da seguridade viaria dos usuarios vulnerables da estrada, especialmente dos peóns, e o fomento da mobilidade sostible, máis respectuosa co medio.

A primeira senda, nas Venda, iniciarase no límite entre os municipios de Esgos e O Pereiro, no cruce de Ordelles, transcorrendo logo integramente por este concello de Esgos ata rematar no cruce de acceso á Cabalgada. Será un itinerario de preto de 1 km.

A outra senda, a de Santa Baia, discorrerá polo municipio veciño do Pereiro de Aguiar, nun treito de 2 km, desde a glorieta da OU-536, no punto quilométrico 8+800 ata, aproximadamente, o quilómetro 11 da estrada. Neste caso, sinalou a conselleira, hai un punto onde será necesario reducir os carrís, aos 3 metros de ancho, para encaixar o itinerario sen afectar a un muro que ten protección do patrimonio cultural.

As sendas terán ancho variable, cun mínimo de 2 metro, e pavimento de formigón coloreado, agás nun treito que será en cor natural para unha mellor integración. Os itinerarios estarán separados da estrada por diferentes elementos: cuneta revestida e con perfil de seguridade; vexetación máis bordo; bordo, ou a combinación destes 3 elementos, para separar o tráfico rodado dos peóns, reforzando a seguridade.

Tamén se executarán cunetas de seguridade e traballos de drenaxe, reposición de servizos afectados, preinstalación de alumeado público, reposición de sinalización. A conselleira explicou que tamén se instalarán 4 novas marquesiñas para garantir unha espera máis confortable aos veciños que se desprazan en transporte público.

Subliñou o traballo do departamento que dirixe para atopar o equilibrio necesario para a ampliación da estrada e o encaixe das novas sendas, minimizando a afección ás propiedades en treitos moi urbanizados, con moitas vivendas nas súas marxes, pero garantindo a súa funcionalidade.

A conselleira apuntou á sensibilidade da Xunta na atención ás solicitudes trasladadas polos veciños durante a información pública, lográndose diminuír en máis dun 50% a superficie afectada, desde preto de 11.000 m² previstos inicialmente no proxecto aos 4.700 m² actuais. Para iso, deseñáronse as sendas reducindo o ancho nalgún treito para minimizar a afección á contorna, garantindo a súa funcionalidade cun ancho mínimo de 2 metros.

Ethel Vázquez indicou que estes novos itinerarios están incluídos no Plan de sendas de Galicia para a comarca de Ourense, dotado dun investimento de 7,1 M€ para executar 16 km de sendas, e véñense sumar ás 2 sendas licitadas en xaneiro e marzo no concello de Ourense.