“Medindo o xesto, trazando o tempo” é o título da exposición que desde esta tarde pódese visitar no Centro Cultural Marcos Valcárcel e que reúne dúas series pictóricas do artista ferrolán Gonzalo Sellés e da santiaguesa Ana Pérez Ventura. A inauguración da exposición contou coa presenza do vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández; a comisaria da mostra, Fátima Otero; o director do Marcos Valcárcel, Francisco González; e o pintor Gonzalo Sellés. A artista compostelá, na actualidade afincada en París, desculpou a súa ausencia.
César Fernández puxo énfase nunha mostra que, segundo dixo, “fainos pensar sobre conceptos ás máis das veces abstractos como son tempo e o xesto”. Unhas palabras ás que se sumou Francisco González para destacar a oportunidade de ver en Ourense “unha exposición que se vai enriquecendo con novas obras, logo de pasar por importantes galerías”. Fátima Otero destacou pola súa banda o “impecable dominio da técnica artística e un lirismo compositivo non exento de beleza”.
A exposición, que permanecerá aberta ata o día 12 de marzo, reúne un mostra de dúas series pictóricas -Fuzzy, de Gonzalo Sellés e Études de Ana Pérez- compostas por máis de trescentas obras pintadas ao longo de dez anos.