Sanidade

O hospital de Ourense disporá dunha unidade de ictus

Marta Rodríguez-Vispo salientou a decisión da Xunta de destinar fondos europeos á compra de novos equipos de radioloxía vascular intervencionista, así como de investir 2,9 millóns de euros na reforma da área vascular.

Óscar Gómez

Ourense | 08.07.2022 08:04

O hospital de Ourense disporá dunha unidade de ictus
O hospital de Ourense disporá dunha unidade de ictus | onda cero

A deputada do Grupo Popular Marta Rodríguez-Vispo salientou que o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense disporá dunha unidade de ictus, que se sumará ás xa existentes en Santiago, A Coruña e Vigo. “Este novo servizo será realidade pola decisión da Xunta de destinar fondos europeos para a compra de novos equipos de radioloxía vascular intervencionista, así como polo investimento de 2,9 millóns de euros na reforma da área de radioloxía vascular no hospital ourensán”, concretou.

Marta Rodríguez-Vispo explicou que estes novos equipos de radioloxía vascular intervencionista permitirán renovar a sala existente no Hospital de Ourense coa última tecnoloxía e facer unha nova sala de neurorradioloxía intervencionista.

“Neste momento, e despois da aprobación por parte da Xunta do anteproxecto de obra no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, está pendente de informes técnicos para proceder á licitación nas vindeiras semanas do proxecto de execución e obra de reforma da área de radioloxía vascular, por un importe de 2,9 millóns de euros”, apuntou.

A deputada popular engadiu que a incorporación desta nova sala de intervencionismo neurovascular no Hospital de Ourense “supón un gran salto tecnolóxico, xa que non só se mellora a visualización e o tratamento da patoloxía cerebral, senón tamén a precisión, ademais de diminuír a dose de radiación que recibe o paciente”.