Economía

Galicia supera as 7300 empresas exportadoras no que vai de ano

Durante os oito primeiros meses do ano, as vendas ao exterior da Comunidade superan nun 3% o rexistro do 2018, e nun 6,4% o do 2019, os mellores anos ata o de agora.

As exportacións galegas rozan os 15.000 millóns de euros entre xaneiro e agosto, o que representa unha mellora de case o 23% con respecto ao mesmo período do ano pasado.

A balanza comercial galega arroxa un superávit por sexto mes consecutivo, acadando un total acumulado en 2021 de máis de 2328 millóns

Óscar Gómez

Ourense | 22.10.2021 12:43

Aula Newton en Galicia
Aula Newton en Galicia | onda cero

Galicia segue a medrar no que as súas vendas ao exterior se refire. Unha tendencia que xa comezou a reflectirse nos últimos meses do ano 2020, e que se consolida neste exercicio. De tal feito que, como amosan os últimos datos dispoñibles, as exportacións galegas veñen de acadar, entre xaneiro e agosto, un récord histórico no acumulado destes primeiros oito meses de 2021.

En concreto, durante este período as vendas ao exterior da Comunidade rozan os 15.000 millóns de euros, o que se supón un incremento de case o 23% con respecto ao mesmo período do ano pasado, situando a Galicia un punto por riba da media estatal. Deste xeito, as exportacións galegas superan nun 3% o rexistro do 2018, e nun 6,4% o do 2019, os mellores anos ata o de agora.

Así mesmo, cómpre destacar que só en agosto as vendas noutros mercados fóra da Comunidade ascenderon ata os 1852 millóns de euros, o que supón un aumento de máis de vinte puntos con respecto ao mesmo mes de 2020.

Estas cifras permiten a Galicia manter en positivo a súa balanza comercial, que arroxa un superávit por sexto mes consecutivo, acadando un total acumulado de máis de 2328 millóns entre xaneiro e agosto. En contraste, o saldo estatal amosa un dato negativo na súa serie histórica.

Por outra banda, nestes oito primeiros meses de 2021, o número de empresas exportadoras galegas alcanzou as 7340, o que supón un incremento de 1670 firmas (29,5%) con respecto ao mesmo período do ano pasado, e un crecemento de 1620 (28,3%) en relación ao 2019, antes da pandemia da covid-19.

Así mesmo, e no tocante ás industrias, a automoción segue a amosar cifras positivas no acumulado do ano, cunha cifra récord que supera os 4463 millóns.