Educación

Galicia comparte con Andalucía o seu modelo de FP e inovación educativa

Coinciden na necesidade de seguir impulsando o avance das ensinanzas de FP, que se consolidaron nos últimos anos como referente de calidade.

Óscar Gómez

Ourense | 23.01.2024 07:53

Galicia comparte con Andalucía o seu modelo de FP e inovación educativa
Galicia comparte con Andalucía o seu modelo de FP e inovación educativa | onda cero

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e a consejera de Desarrollo Educativo y FP da Junta de Andalucía, Patricia del Pozo, visitan hoxe os dous centros de referencia da Formación Profesional e da innovación educativa en Galicia: o Centro Galego da Innovación da Formación Profesional Eduardo Barreiros, en Ourense, e o Centro de Innovación Educativa e Dixital, na Cidade da Cultura.

Deste xeito, Galicia amósalle á delegación andaluza o seu modelo nestas ensinanzas. Non en balde, o departamento educativo do Goberno andaluz viaxa á nosa Comunidade para coñecer as políticas educativas en xeral e, en particular, nestes dous ámbitos. De feito, tal e como explicou a consejera, Andalucía está a traballar na posta en marcha dun centro similar ao Eduardo Barreiros.

No transcurso da visita, os dous conselleiros coincidiron na necesidade de seguir impulsando o avance das ensinanzas de FP, que se teñen consolidado nos últimos anos como un referente de calidade, innovación e empregabilidade e xeran unha enorme confianza nos sectores produtivos. Neste sentido, fixeron un chamamento ao Goberno central para que dea pulo ao desenvolvemento normativo da nova lei de FP, toda vez que aínda está por determinar todo o relativo aos novos currículos, que acumulan un enorme retraso por parte do Ministerio.

“A Xunta leva meses advertindo desta parálise dado que o Goberno do Estado está incumprindo os seus propios tempos. Non imos permitir que o modelo de éxito da FP galega se poña en risco, unhas ensinanzas que conseguiron situarse como referente en todo o Estado, duplicando case os alumnos desde 2009 e que contan cunha inserción laboral que pasou do 32% ao 85%”, destacou Román Rodríguez.

Neste sentido, o conselleiro explicou que, diante das demoras e a falta de concrecións do Goberno do Estado, a Xunta de Galicia xa iniciou os trámites do futuro decreto que rexerá as ensinanzas de FP a partir do próximo curso 2024-25. A tramitación está iniciada co inicio da consulta pública para achegas.

Proxectos no Eduardo Barreiros

Román Rodríguez e Patricia del Pozo coñeceron os diferentes proxectos e iniciativas que se están a desenvolver nas catro áreas do Eduardo Barreiros: Innovación Aplicada, Emprendemento Industrial, Formación de Alta Especialización e Comunicación Estratéxica e Internacionalización.

En concreto, están en marcha neste espazos proxectos arredor da economía circular do ciclo da auga, da enogastronomía, do fornecemento do vehículo eléctrico, de fomento de robots de utilidade medioambiental e de realidade estendida aplicada á FP. Tamén de metodoloxías innovadoras e áxiles para a aprendizaxe do inglés ou de deseño e fabricación de vestiario e novos materiais para mellorar as condicións de confortabilidade no mundo das artes do mar e técnicas de marisqueo, dando protagonismo á muller.

Así mesmo, a delegación andaluza interesouse polo programa de formación de alta especialización para docentes de FP que se imparte neste centro, con 96 cursos multidisciplinares, e polo InnovaTech FP Galicia, a través do que os alumnos se enfrontan á resolución de dez retos tecnolóxicos expostos por empresas, cuxas solucións deberán xerar un impacto positivo no desenvolvemento do medio rural. Actualmente 150 equipos de 70 centros de FP de toda Galicia, están traballando na procura das mellores solucións aos retos propostos por dez empresas de recoñecido prestixio.

Modernización do sistema e do profesorado

Na visita que realizará pola tarde ao Centro de Innovación Educativa e Dixital, a delegación andaluza vai poder coñecer as distintas iniciativas que se están a desenvolver neste espazo para a modernización do sistema educativo e na mellora da cualificación do profesorado.

Neste momento están en marcha tres proxectos iniciais. O primeiro deles, Ágora Dixital, pretende crear un portal que forneza de información e contidos aos docentes no relativo a espazos dixitais en diferentes espazos vinculados coas temáticas STEM, a intelixencia artificial, a experimentación práctica, o deseño de espazos, etc.

Pola súa banda, o proxecto Lenzo nace co obxectivo de mellorar os espazos dixitais dos centros e a calidade estética dos materiais educativos (webs de centro, aulas virtuais, grupos de traballo, etc). Esta iniciativa inclúe o desenvolvemento dun portal colaborativo onde se aloxa un repositorio de contidos audiovisuais para o uso con fins educativos.

A maiores, estase a traballar na creación de dúas redes vinculadas con STEM: unha rede de Clubs de ciencia e outra de STEMbach. O obxectivo é dar visibilidade e fomentar o coñecemento das iniciativas que se están a levar a cabo, compartir exemplos de boas prácticas e fomentar os estudos deste ámbito.