O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participou no acto organizado con motivo do Día Mundial Sen Tabaco, que se celebra cada 31 de maio, co propósito de sensibilizar á poboación fronte ao tabaquismo, xa que, aínda é un ‘hábito’ claramente evitable, continúa sendo o principal factor de risco en moitas enfermidades crónicas.
O delegado territorial, acompañado polo xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Félix Rubial e pola xefa territorial de Sanidade, Laura López del Castillo, inaugurou unha mesa informativa, situada no novo edificio de hospitalización do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, onde, ademais da distribución de folletos informativos relacionados con la prevención do tabaquismo, o persoal da Xefatura Territorial de Sanidade intercambiou cigarros por sementes de hortalizas, para fomentar o cultivo de alimentos.
A Organización Mundial para a Saúde, ven sinalando nos derradeiros anos que a produción dos produtos de tabaco implica un alto impacto ambiental, polo que este ano escolleu o lema ‘Cultiva alimentos, non tabaco’ para focalizarse na alta cantidade de recursos naturais limitados, como a auga e terra fértil, que están sendo empregados para o cultivo de tabaco e non poden empregarse para cultivar alimentos moi necesarios.
Gabriel Alén solicitou a colaboración da poboación para loitar contra o tabaquismo e os seus efectos nocivos na saúde e o medio ambiente, sinalando os datos da enquisa sobre alcohol e outras drogas en España, na que se informa de que aínda para un 33,1% da poboación de 15 a 64 anos o tabaco segue sendo un factor de risco para enfermidades crónicas e que o 38,2% dos mozos e mozas de 14 a 18 aos, indican que xa fumaron tabaco algunha vez como indica a derradeira enquisa sobre uso de drogas en ensinanzas secundarias en España.
O representante do Goberno galego destacou tamén as actuacións de prevención e tratamento do tabaquismo, realizadas pola Xunta de Galicia dentro do Programa galego de vida sen tabaco, como a actividade de hoxe, así como a actividade ‘Clases sen fume’ que se realiza no ámbito escolar, sendo a XXI edición, na que participaron 520 alumnos de 11 centros da provincia de Ourense. Dúas aulas das participantes da provincia foron preseleccionadas para os premios ‘Clases sen Fume’ que se entregarán o vindeiro 6 de xuño en Santiago de Compostela